Os resultados das municipais na Galicia amosaron unha nidia singularidade galega a respecto da liña sinalada polo mesmo proceso electoral no conxunto do Estado. Porque votamos bastante diferente, canda a cidadanía vasca, navarra, catalá e canaria. Aquí Vox non existe e o PP, agás nalgúns concellos da circunscrición de Pontevedra, non ten quen lle apoie para acadar os goberno locais alí onde non quita a maioría absoluta. Velaí porque, malia a súa suba en porcentaxe absoluto (acada un 38,45% fronte ao 33,35 % de 2019) só gobernará Ferrol entre os dez primeiros concellos galegos.
O PSdeG baixa do 32,76% do 2019, cando case empatou co PP, ao 29,17% de agora e mantén o goberno de Vigo con maioría absoluta, mentres precisará do apoio do grande vencedor da noite na Galicia (o BNG) para gobernar A Coruña e Lugo a medio das súas alcaldesas Inés Rey e Lara Méndez. En reciprocidade o BNG (que quitou o 17,25%, case seis pontos de suba dende o 12,47% de 2019) manterá cos votos do PSdeG a alcaldía de Pontevedra de F. Lores e gañará a de Compostela para Goretti Sanmartín. Para o relato do BNG a alcaldía da capital de Galicia, co proxecto de cidade galega de proxección internacional que pode desenvolver dende a mesma, ten un valor de futuro fulcral.
Xa que logo, fronte a maioría absoluta do PP no concello de Madrid e a hexemonía da dereita e da extrema dereita nos concellos de Sevilla, Zaragoza, Valladolid ou Valencia, na Galicia urbana sobrancean as maiorías sociais progresistas. En realidade só a conquista da Deputación de Pontevedra salva o aprobado xustiño de Alfonso Rueda na súa estrea electoral como presidente do PPdeG. O obxectivo eran dous gobernos locais máis entre as sete grandes cidades galegas e conquerir unha Deputación adicional á ourensá. Acada estes obxectivos, como vimos, só parcialmente.
“PPdeG e BNG enfrontarán agora a agarda das eleccións nacionais galegas do 2024 coa tranqulidade que da ter unha presenza forte e ben espallada e estruturada en todo o territorio”
PPdeG e BNG enfrontarán agora a agarda das eleccións nacionais galegas do 2024 coa tranqulidade que da ter unha presenza forte e ben espallada e estruturada en todo o territorio, ademáis de desfrutar dunha indubidábel paz interna. Nomeadamente Ana Pontón aproveitou estas eleccións para multiplicar a súa visibilidade e amosarse nidia alternativa de goberno.
Mentres o PSdeG, aínda mantendo as alcaldías das dúas principais cidades do País, haberá enfrontar unhas primarias nas que Gómez Besteiro non ten garantida a maioría, mentres Gonzalo Caballero esixe de González Formoso a autocrítica que éste lle esixiu despois do desastre das nacionais galegas de 2020. O ruído socialista está garantido.
“A grande sorpresa foi, sen dúbida, a vitoria de Pérez Jácome no concello ourensán”
A grande sorpresa foi, sen dúbida, a vitoria de Pérez Jácome no concello ourensán, que lle garantiría a alcaldía se non acadan o PPdeG, o PSdeG e o BNG un acordo a tres. Porén, axiña a situación xudicial do aínda alcalde e do presidente en funcións da Deputación, X.M. Baltar, vai esixir do PPdeG e do PSdeG moita imaxinación para garantir a gobernanza destas dúas institucións ourensás, albiscándose um posíbel movemento que determine a substitución de ambos os dous e quizais dalgún ou dos dous dos seus cabezaleiros de candidatura.