Cadernos da viaxe.
As eleccións nacionais catalãs deste domingo 12-M determinaron a perda para o soberanismo catalán da maioría absoluta no Parlament, por primeira vez dende as eleccións de 2012. O PSC de Salvador Illa gaña en votos (case un 28%) e deputados, obtendo 42 (+9), mentres que Puigdemont rendibilizou só en parte a súa proposta restitutiva e obtivo 35 escanos (+3), cun 21,6% de votos (uns cen mil votos máis, gañando en 30 dos 42 bisbarras catalãs) fronte ao 20.1% de 2021, no que, porén, foi o seu mellor resultado dende o 1-Ou de 2017. Cómpre salientar que só 200 votos en Lleida determinarían o 36 para Junts+Puigdemont e 41 para o PSC. Que perdería entón a posibilidade de maioría absoluta nun hipotético tripartit PSC-ERC-Comuns-Sumar, malia que esta posibilidade xa foi desbotada na noite electoral polo president en funcións Pere Aragonés.
A perda da maioría absoluta independentista alicerzouse na catástrofe electoral (patacada, por usarmos um termo catalán) sofrida por ERC, que só quitou 20 deputados (-13), cun moi curto 13,6% de votos e polas CUP condenadas pola súa inutilidade política, que só quitaron 4 representantes(-5) cun 4% de votos. Junts, ERC e CUP pasan de 74/135 deputados a 59/135. Os dous deputados que quita Aliança Catalana (3,8% de votos) completa o 43% aproximado que constitúe o peor resultado para o soberanismo dende o 2000.
Mentres o PP quita 15 (+12!!) cun 11% de votos e Vox mantén os seus 11 cun 8% de votos. As forzas que apoiaron o 155 no 2017 (PSC, PP e Vox) quitan agora maioría absoluta (68/135) e un 47% de voto conxunto, co discurso máis dependente de Madrid da historia política do PSC e do PPC.
“Sánchez foi o grande vencedor da noite electoral, máis aló mesmo ca Illa, rendibilizando substancialmente a súa ‘retirada táctica”
Sánchez foi o grande vencedor da noite electoral, máis aló mesmo ca Illa, rendibilizando substancialmente a súa “retirada táctica”, mentres as forzas que partillan o Goberno do Estado aproban, pois que os 9 deputados que gaña o PSC compensan abondo os 2 que perden os Comuns (quitaron 6, cun 5,8% de votos), malia que a decadencia deste espazo político e o seu progresivo reintegro no espazo do PSC semella evidente. Máis aínda, é evidente que Pedro Sánchez afortala o discurso español en Catalunya, tanto á esquerda como á dereita.
Cunha participación semellante ao da 2021, porén, a chave dos resultados é a desmobilización duns 300.000 electores independentistas que determinan o desastre de ERC e a CUP e a remobilización unionista xerada pola españolización dos relatos e, tamén, pola demonización da inmigración, discurso partillado polo PP e Vox e, dende outra perspectiva, pola Aliança Catalana.
Desbotado por ERC o tripartit PSC-ERC-Comuns/Sumar só semella probábel un goberno en minoría do PSC ou unha repetición electoral. Sería ERC quen decidirá, malia que unha repetición catalã no vindeiro outono ben podería xerar tamén a disolución do Parlamento estatal por parte dun Pedro Sánchez afortalado que poderia tentar aproveitar para reducir a súa dependencia dos soberanismos.
Máis complexa semella a proposta de Puigdemont para un goberno de minoría independentista (55/135 deputados) superior en escanos á eventual coalición PSC-Comuns/Sumar. Requiriría unha abstención do PSC que Illa, de primeiras, desbotou. O que é evidente é que nada ha ser outra vez igual e que para ERC e a CUP ábreselle unha etapa de fonda reflexión, mesmo de refundación.