Ponteareas | O pleno da Corporación do Concello de Ponteareas aproba a actualización da taxa do servizo de recollida do lixo e do imposto do IBI para dar cumprimento ás normativas do Estado e respaldo ás melloras nos servizos públicos municipais. O goberno de Ponteareas reverterá a suba do IBI en acabar coa lista de agarda do servizo de axuda no fogar, ampliar o servizo de atención temperá que contará con máis profesionais, seguir contando con programas integrados de emprego que na edición que remata este mes e na que vai comezar beneficia a 200 persoas que precisan apoio na inserción laboral ou en contar con novos obradoiros de emprego xuvenís que nestes intres forma a vinte mozas e mozos.
“Para a oposición é moi doado facer demagoxia pero a nós tócanos aprobar unha medida que eles foron retrasando. Queren que incumpramos unha lei estatal transposición dunha directiva europea? Polo menos imos reverter a suba na mellora dos servizos para toda a cidadanía, sobre todo dos que máis o precisan” sinalou o Concelleiro de Facenda, Francisco J. Represas.
Na súa intervención, Represas lembrou que “este goberno cando chegou atopou desmantelado o servizo de atención temperá, as cuadrillas de obras e de mantemento que agora se reactivaron e melloran camiños municipais e aparcamentos e espazos públicos. Hoxe mesmo comeza o replanteo da obra para a nova escola infantil, dispomos de terreos para o novo centro de saúde, redactamos o proxecto para a nova praza de abastos e tamén para a nova biblioteca pública municipal. O luns damos a benvida ao alumnado do Programa Xuventude Mentoring na Empresa e dos primeiros residentes de Artistea. Clausuramos en breve o obradoiro de emprego e comezamos un segundo obradoiro de emprego. Servizos que melloran a formación para a inserción laboral e que supoñen novas oportunidades para os que están comezando ou reconverténdose”.
O concelleiro de Facenda explicou que esta é unha media obrigada polo goberno do Estado a través da Lei 7/2022 que obriga a todos os Concellos de España a repercutir integramente ao cidadán o custo total das operacións de recollida, transporte e tratamento de residuos. Por este motivo resulta necesario modificar a ordenanza fiscal nº23 que regula a taxa por actividades de servizo de recollida de lixo. “A directiva europea 2018/851 de residuos obriga a establecer unha taxa de residuos ás entidades locais antes do 10 de abril de 2025. Esgotamos todo o que puidemos os prazos para non aplicar a suba esixida pola normativa”.
Respecto á actualización do imposto do IBI incrementarase un 25% pasando os bens e inmobles de natureza urbana e rústica do 0,40% ao 0,50% igualándose á media dos concellos da provincia con máis de 20.000 habitantes como o Concello da Estrada ou Lalín que están no 0,5, Vilagarcía no 0,51, Cangas no 0,55, Marín no 0,58, Pontevedra no 0,64 ou Vigo no 0,9.
“Optamos por subir o IBI e non o valor catastral para non comprometer o futuro do valor impositivo. Tiñamos dúas alternativas, ou subir o valor catastral fixado no ano 2010 e que logo non se pode cambiar ou subir o IBI que sempre se pode modificar. O goberno adquire o compromiso de que no caso de que se faga unha revisión catastral e se sube o valor das propiedades baixaremos o imposto do IBI para compensar a suba”, explica Represas.
O concelleiro de Facenda aclarou que “o 60% dos Concellos da provincia superan esta cifra que era preciso actualizar para poder redundar nunha mellora palpable dos servizos como o de Atención Temperá que estaba desmantelado, o maior alcance dos servizos de atención no fogar para maiores e persoas dependentes e acabar coas listas de agarda, o aumento da plantilla de bombeiros que cubre todos os concellos do Condado Paradanta e que nestes días colabora na recuperación das vilas valenciás afectadas pola Dana”.
BNG: “subas desorbitadas”
O BNG critica “a suba de impostos pola vía rápida” que vén de aprobar o goberno tripartito de Ponteareas, que afectan ao IBI e á taxa de recollida de lixo.
O portavoz municipal do Bloque, Miguel Bouzó, denunciou a convocatoria “insólita” e “sen precedentes” dun Pleno extraordinario e urxente ás 8 da mañá convocado na tarde anterior. “Queren cargarse a participación democrática para subir brutalmente os impostos aos veciños e veciñas de Ponteareas, como fan os verdadeiros carteiristas, metendo a man no peto da veciñanza e procurando que ninguén se decate”, exclamou.
En canto ao Imposto sobre os Bens Inmobles (IBI), coñecido como Contribución, o goberno de Nava Castro aprobou unha suba do 25%. “Vostedes son expertos na materia”, espetou Bouzó, lembrando que xa no 2009, “cando o PP e os independentes do señor González Carrera gobernaban xuntos, aprobaron un incremento progresivo que a veciñanza tiña que pagar até 2019, e que foi reducido ao mínimo legal coa chegada do Bloque ao goberno. Agora, o goberno da dereita de sempre volve incrementar o imposto para recadar uns 800.000 euros máis ao ano”.
Por outra banda, o recibo do lixo incrementarase nun 85%, o que foi cualificado de “auténtico sablazo” polo portavoz do BNG. Bouzó detallou que unha vivenda do rural que pagaba 46,90 euros pasará a pagar agora 86,77, e as vivendas do centro urbano, que pagaban 83,39 euros, pagarán agora 154,27, é dicir, un incremento de máis de 70 euros en cada recibo.
Malia que o goberno se escudou na lei estatal que obriga aos concellos a aprobar unha taxa de residuos que cubra os custos da recollida e tratamento, o Bloque cargou conta a “suba abusiva do canon que teñen que pagar os concellos a SOGAMA polo tratamento dos residuos, que provoca que o aumento da taxa aprobada sexa desorbitado. É un exercicio de escapismo e un acto de cinismo culpar só ao Goberno central”, asegurou Bouzó, explicando que “se o PP na Xunta de Galiza non decidise unilateralmente incrementar aos concellos o canon, non sería preciso cargar á veciñanza con este aumento”.
Finalmente, o BNG simplificou que o goberno vai “cubrir un déficit que até agora asumía o Concello para repercutirllo directamente á veciñanza. Así poderán dispor dese diñeiro para a súa propaganda e os seus caprichos. Para vostedes, conta redonda. Para a veciñanza até 70€ máis en cada recibo”, concluíu Bouzó.
PeC critica a “falta de participación democrática”
Dende Ponteareas en Común denunciaron a falta de participación democrática do goberno PP-ACIP-IP O pasado venres, nun pleno convocado con 15 horas de marxe, o goberno aprobou a suba do IBI nun 25% e da taxa do lixo nun 85%. Afirmaron apostar por un modelo fiscal xusto que garantice uns servizos públicos de calidade e denunciamos un modelo que beneficia ás elites económicas e perxudica ás que menos teñen.