Tui | A subdelegación de Defensa en Pontevedra fixo entrega esta mañá ao Concello de Tui dunha réplica dun mapa histórico da provincia de Tui procedente do Archivo cartográfico y de estudios geográficos del Centro Geográfico del Ejército en Madrid.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, recibiu de mans do subdelegado de Defensa, Miguel C. Cortés Calvo, acompañado polo Comandante Naval do Miño, Pablo Redondo, este obsequio no que se plasma nunha nova ocasión a boa relación entre o Concello de Tui e as Forzas Armadas.
En concreto a réplica do mapa recolle a parte meridional da provincia de Pontevedra dende Ponte Sampaio até o río Miño, e a zona setentrional do distrito portugués de Viana do Castelo dende Caminha. No mesmo están sinaladas as garitas e fachos da fronteira española en setembro de 1762. Foi realizado nesa data por Alejandro Angles.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradeceu ao subdelegado de Defensa, e ao Comandante Naval do Miño, este obsequio que conta cun gran valor histórico. Reiterou tamén as grazas pola presenza hai uns días na cidade da exposición sobre a Misión Atalanta, e conferencia que sobre a mesma ofreceu o Comandante Naval Pablo Redondo.