A Lei 22/2009, que regula o financiamento autonómico común define a “capacidade fiscal” galega, para cada exercício, como o produto líquido dos tributos cedidos ao noso país: i) 100% dos Impostos sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados, Sucesións e Doazóns e Patrimonio Neto e taxa sobre o xogo (recadados directamente pola Axencia Tributaria Galega) e ii) 50% do IRPF e IVE, 58% de determinados impostos especiais-II.EE- á fabricación: cervexa, viño, bebidas destiladas, tabaco e hidrocarburos e 100% dos Impostos especiais sobre a electricidade e de matriculación de vehículos de transporte (todos estes recadados pola Axencia Tributaria Estatal-AEAT-).
No 2020 a capacidade fiscal galega acadou case os 5.829 M€, só un 46,6% da recadación total na Galicia por todos os tributos estatais (case 12.000 M€), segundo debulla o economista galego Xosé Díaz no seu libro “Autogoberno e sistemas de financiamento. O papel da Nación Galega” (Edicións Laiovento, 2023).
Como afirma Díaz é ben chocante limitarmos normativamente a capacidade fiscal de noso a unha canastra moi limitada de impostos, na que non se insiren os Impostos de Sociedades (IS), sobre as primas de seguro e depósitos bancários e os temporais sobre benefícios extraordinários dos sectores bancario e enerxético. Mais a trampa faise máis evidente nun outro estudo do mesmo economista (“Os resultados da liquidación do réxime común ou das “rexións” en 2022”). Por mor do efecto sede, malia só achegaren o 19,4% do PIB estatal, a Comunidade de Madrid recada case a metade dos impostos estatais (37% do IS, 51% do IVE e 84,1% dos II.EE.).
O IS compútase no lugar do domicilio fiscal da compañía e as operacións de venda suxeitas ao IVE e II.EE. no mesmo lugar, que adoita ser o mesmo do domicilio social, Alcoa, Stellantis ou Ence xeran PIB dende Galicia, mais facturan dende Madrid. A capacidade fiscal de Madrid está dopada polo sistema fiscal español e Madrid mesmo usa a súa capacidade normativa para reducir a carga no IRPF para os que invistan en novas empresas sempre que teñan o seu domicilio social en Madrid. Velaí a causa de moitas deslocalizacións a prol de Madrid da sede empresarial- que non da produción ou distribución- nos últimos tempos.
O concepto trampulleiro de “capacidade fiscal”, referido ao ingreso agrávase dende a perspectiva do gasto co de “poboación axustada”, que lle fai perder a Galicia financiamento por privilexiar factores como o da inmigración a respecto do incremento do custo efectivo dos servizos por mor do espallamento e avellentamento da nosa poboación, factores recorrentemente moi pouco ponderados.
No 2020 o Estado completou esta trampulleira “capacidade fiscal” para garantir o financiamento dos servizos que presta a Administración autonómica galega cuns 2.115 M€ adicionais con cargo aos distintos Fondos do sistema de financiamento común. No politiqués de quenda a “solidariedade” española achegounos 2.115 M€ adicionais á nosa “capacidade fiscal”. Mais a recadación total no noso país por tributos estatais acadou case os 12.000 M€. É dicir, que as nosas familias e empresas achegaron máis de 6.100 M€ adicionais ao que nos computan como “capacidade fiscal “· e destes só voltaron 2.115 M€.
Cos case 4.000 M€ que retén o Estado haberíamos pagar-certo é- os servizos que presta directamente a súa Administración no noso territorio. Se atendemos á regra do concerto vasco haberíamos liquidar un 5,2% da recadación ( é dicir uns 624 M€), pois que esa é a nosa participación no PIB estatal. Admitamos mesmo correccións e actualizacións até unha cota de 1.000 M€/ano.
“Estamos logo a perder, segundo as contas de 2020, case 3.000 M€/ano”
Estamos logo a perder, segundo as contas de 2020, case 3.000 M€/ano (medio billón, con “b” de burro, das vellas pesetas). Velaí o custo para Galicia de que non se lle recoñeza plena capacidade para a recadación, xestión e liquidación dos tributos estatais. De que non se nos recoñeza o mesmo sistema que xa desfrutan Euskadi e Navarra.