O Consello de Contas (CdeC) é o órgano independente que asume a fiscalización externa das contas e da xestión financeira-contábel do sector público galego, así como a función de previr a corrupción neste mesmo sector público. Os seus cinco conselleiros son elixidos polo Parlamento de Galicia (perante o que depende) e conta cun cadro de persoal altamente especializado e cualificado.
Velaí, pois, a grande trascendencia do informe de fiscalización aprobado polo CdeC este verán a respecto do contrato de concesión de obra pública do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, adxudicado no 2011 á Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo, S.A, entón liderada por Acciona, que incluía a construción ás súas custas do Hospital e a xestión indirecta pola mesma concesionaria, nos 20 anos posteriores á sú posta en funcionamento no 2015, de todos os seus servizos non sanitarios (limpeza, lavandería, cafetaría e restauración, aparcadoiro, etc.). Cómpre lembrar o rexeitamento de importantes sectores sanitarios a desvencellar do tratamento clínico cuestións tan esenciais en moitas doenzas como a alimentación, incluída a subministración de auga potábel.
O CdeC suspende claramente o esquema contractual privatizador empregado polo Goberno de Núñez Feijóo, avaliando en 165,8 M€ (IVE incluído e a valor constante de 2010; no remate da concesión serán 470 M€ nominais) o sobrecusto a respecto do esquema tradicional público de contratar por unha banda a construción do Hospital e por outra os servizos concesionados. Un sobrecusto moi importante, sobre todo se atendemos a que o obxectivo era facer medrar até 2.000 camas a capacidade do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI). Pois ben, o informe determina que este obxectivo non ser acadou. A respecto das 1241 camas do CHUVI no 2014 o novo Hospital só achegou 80 camas novas (é dicir, pouco máis dun 11% das 759 proxectadas) e 3 quirófanos máis.
“O Consello de Contas suspende claramente o esquema contractual privatizador empregado polo Goberno de Núñez Feijóo”
Por outra banda, o CdeC advirte que a concesionaria foi autorizada a reducir 23.000 m2 da superficie hospitalaria proxectada, vulnerándose deste xeito os principios de igualdade de trato, libre concorrencia e transparencia que han rexer a contratación administrativa. Pois que as condicións da adxudicación eran ben máis gravosas para a concesionaria, que tiña que construír eses 23.000 m2 adicionais.