A UNED Porriño aumenta a súa oferta formativa

Cos graos oficiais de Dereito, Socioloxía e Traballo Social para o curso 2024-25

O Porriño | O Concello de Porriño acolleu hoxe a presentación da oferta formativa da UNED Porriño para este curso, un evento que contou coa presenza do alcalde, Alejandro Lorenzo, o director da UNED Pontevedra, Víctor M. González, e o coordinador de Extensión Universitaria, Rafael Cotelo.

A Universidade Nacional de Educación a Distancia o ampliou a súa oferta no municipio, incluíndo graos oficiais en Dereito, Socioloxía e Traballo Social. Estes programas permiten aos estudantes avanzar ao seu propio ritmo, beneficiándose de recursos de alta calidade e acompañamento académico personalizado.

Ademais, a UNED Porriño ofrece actividades e cursos de extensión universitaria para quen desexe completar a súa formación. Entre estas atópase un curso para a obtención do título da ESO para maiores de 18 anos e os cursos de UNED Senior, deseñados para fomentar a aprendizaxe sen límite de idade. Tamén se ofertan novos cursos, como a segunda parte do taller de xestión do estrés a través do movemento e un curso sobre a elaboración de pan de `masa madre´, rescatando a tradición culinaria.

O director da UNED, Víctor M. González, agradeceu “o compromiso do Concello do Porriño coa UNED. Somos unha universidade vinculada ao territorio e iso non sería posible sen o compromiso das institucións e a súa colaboración. Un compromiso compartido enfocado a dinamizar na medida das nosas posibilidades a nosa presenza no Porriño”. González concluíu animando á veciñanza do Porriño e da contorna a estar este novo grao de Dereito.

Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de seguir ampliando a oferta educativa no Porriño, subliñando que “é fundamental que a xente poida estudar e forxarse un futuro sen necesidade de abandonar o seu pobo”. Engadiu que isto non só beneficia aos cidadáns, senón que tamén é clave para o desenvolvemento do concello, xa que “Porriño conta cun gran potencial industrial con máis de 2.200 empresas e formar persoal cualificado para elas supón un avance enorme”.

Concluíu apuntando que “en definitiva, a UNED no Porriño representa o noso compromiso coa educación e o desenvolvemento local e sempre estarei agradecido porque ese compromiso co noso pobo e a nosa xente sea mutuo”.

A UNED do Porriño empezou a súa actividade no curso 2022-2023, consolidándose ao longo dos seguintes anos cunha gran acollida por parte da cidadanía.

Oficina Móbil de Atención aos Migrantes chega ás parroquias
A Oficina Móbil de Atención ás Persoas Migrantes Retornadas chega este venres ao Porriño. Trátase dun recurso innovador da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia destinado a facilitar o retorno e a integración dos galegos que regresan a súa terra tras residir no estranxeiro.

A oficina móbil estará na praza Arquitecto Antonio Palacios este venres 18 de outubro de 10 a 14h ofrecendo atención personalizada e apoio para atender as necesidades específicas das persoas retornadas e das súas familias. Para concertar citas pode chamar ao 900 102 380 ou achegarse directamente á unidade móvil de atención ás personas retornadas,

Entre os servizos que se ofrecerán a través da Oficina Móbil atópanse o asesoramento sobre programas de apoio ao retorno, ofrecendo información actualizada sobre as diferentes axudas económicas e programas dispoñibles para facilitar a integración en Galicia.

Tamén se brindará axuda nos trámites administrativos, prestando apoio na realización de xestións relacionadas coa sanidade, educación, Seguridade Social e outras cuestións importantes para a vida cotiá das persoas retornadas.

Ademais, incluese orientación laboral, proporcionando asesoramento para a busca de emprego en Galicia e guía sobre a validación de títulos acadados no estranxeiro. Por último, ofrecerase información sobre vivenda e educación, asistindo ás familias retornadas nas opcións de vivenda dispoñibles e nos recursos educativos para fillas e fillos.