Moito se ten falado de que o pacto entre Trump e Putin por Ucraína sepulta a orde mundial instaurada na Conferencia de Ialta de 1945 entre os vencedores da II Guerra Mundial. Xerme da bipolaridade entre EEUU e a URSS, esa Conferencia serviu tamén para configurar un sistema internacional basedo en regras, no poder dos consensos e da institucionalidade e dos organismos internacionais como actores de resolución de conflitos. A ONU foi o resultado dese sistema deseñado como o reflexo desas aspiracións sostidas no que na teoría das relacións internacionais denomínase como o “idealismo”.
Non obstante, Trump e Putin non inauguran nada novo. En tempos diso que foi denominado como a globalización neoliberal e o sistema de “posguerra fría”, foi a guerra de Kosovo (1999) coa unilateral intervención da OTAN bombardeando Iugoslavia en tempos da presidencia de Bill Clinton na Casa Branca o punto de partida desa unilateralidade que anunciaba o retorno da realpolitik dos poderosos. Eses pretendidos consensos institucionais comezaban a erosionarse.
“Trump e Putin non inauguran nada novo”
A ilegal e ilexítima guerra de Iraq (2003) lanzada por Bush II non fixo senón confirmar esta tendencia. Tanto en Kósovo como en Iraq (non así en Afganistán en 2001) desestimouse o recurso de discusión destes conflitos onde o sistema de regras así o establecía: no Consello de Seguridade da ONU.
A intervención da OTAN en Libia en 2011, se ben inicialmente aprobada pola ONU, aumentou esta tendencia á unilateralidade de Washington entón gobernada por Barack Obama. Os intereses estadounidenses non ten cor política: dous presidentes demócratas (Clinton e Obama) e outro republicano (Bush) confirmaron esa perspectiva unilateral.
Non obstante, a invasión rusa de Ucraína en 2022 abre outro compás: xa non é só EEUU quen aplica esta dinámica unilateral. A maior potencia nuclear do planeta, Rusia, ten capacidade para facelo, desafiando así eses imperativos hexemónicos de Washington.
Por tanto, Trump interpreta que a mellor opción para pór fin ao conflito ucraíno é negociar co agresor, Putin, cuxa capacidade efectiva para alcanzar ese “consenso” é moito maior que da ONU, dunha UE fragmentada e inerte e obviamente cunha Ucraína desangrada e sen capacidade militar para reverter a situación.
Agora ben, como interpretar o surrealista show mediático da bronca entre Trump e Zelenski este 28 de febreiro no Despacho Oval da Casa Branca? Nun breve instante, Trump amosou a súa capacidade para desarticular esa orde global de Ialta aínda vixente nalgúns aspectos. Trump e Putin razonan en termos de negociación entre contra partes de poder. Nin Zelenski nin a UE e moito menos unha ONU ausente e irrelevante aparecen como actores que podan reconducir a situación.
Por outra banda, compre salientar o excesivo protagonismo do vicepresidente J.D. Vance na disputa verbal entre Trump e Zelenski. Vance, quen liderou a delegación estadounidense que reuniuse en Riad coa súa homóloga rusa para abordar o fin da guerra en Ucraína, reforza o seu peso político nesta era Trump II, aumentando as expectativas que o sinalan como o futuro baluarte do “trumpismo”.
“Compre salientar o excesivo protagonismo do vicepresidente J.D. Vance na disputa verbal entre Trump e Zelenski”
Humillado en vivo e directo na Casa Branca, Zelenski chegou a Londres para un cumio europeo onde recibiu un apoio unánime. Isto coloca a Gran Bretaña, tras EEUU o principal poder político e militar dentro da OTAN, como o posible benefactor de Zelenski ante o desprezo de Trump. Vía apoio político, asistencia militar e incluso labor dos servizos de intelixencia, Londres ven tendo unha importante presenza en Ucraína nestes tres anos de guerra contra Rusia.
Por outra banda, en Kiev ábrese a veda electoral. Sinalado por Trump como “ditador” por non convocar eleccións presidenciais en 2024 (facendose eco da narrativa putiniana), Zelenski o ten aínda mais complicado en casa. Incapacitado para recuperar o territorio conquistado con Rusia, con escaseza de efectivos de combate, o atribulado presidente ucraíno ve como sube na intención de voto o ex xeneral Valéry Zaluzhny, curiosamente embaixador ucraíno en Londres. Por certo, Zaluzhny, moi popular pola súa capacidade para resistir a invasión rusa, vén de declarar que “a paz non é necesaria”. Pero o Kremlin tamén xoga as súas cartas (esas mesmas que Trump lle espetó a Zelenski que non as ten consigo) neste contexto electoral. Rusia comeza a tentar ao ex presidente Petro Poroshenko.
Mentres, a UE mergúllase nas liortas internas sobre que facer con Zelenski e Ucraína. Non hai consensos mentres a vaga da ultradereita tamén está dividida entre os seus apoios a Kiev e Moscova.
Pero volvamos ao comezo. Este panorama de unilateralidade con tintes de agresividade disuasiva abre varias interrogantes: que sistema internacional estase configurando a partir de agora, nesta etapa que poderíamos mencionar como “post-Ucraína? Un sistema unilateral en mans de superpotencias? Unha balanza de poder similar á europea entre 1880 e 1914, previo á I Guerra Mundial? Unha tríada de poder entre EEUU, China e Rusia? Un atlantismo remodelado por Trump contra un eurasianismo sino-ruso? O pacto Trump-Putin, afastará a Rusia de China? Normalizaranse as relacións ruso-occidentales?
“O pacto Trump-Putin, afastará a Rusia de China? Normalizaranse as relacións ruso-occidentales?”
Son varias interrogantes que, como outras tantas, nin a UE nin Zelenski semellan cando menos ter capacidade de interpretar ou entender. E así o fixo saber Trump no esperpéntica rifirrafe do Despacho Oval mentres no Kremlin Putin seguramente estase alegrando deste surrealista espectáculo occidental.