Ponteareas | “Unha vez máis o alumnado dos nosos centros educativos e o seu profesorado superou as expectativas amosando un amplo interés pola ciencia, realizando traballos de complexidade e calidade e participando nas distintas conferencias ofertadas”, adianta a alcaldesa en funcións Cristina Fdez. Davila e concelleira de Ensino de Ponteareas.
A quinta edición da Semana das Ciencias pecha o seu ciclo de conferencias e seminarios que brindou a oportunidade tanto ao alumnado como ao profesorado de aprender da man de recoñecidas e recoñecidos científicas/os das universidades galegas.
“A quinta edición da Semana das Ciencias pecha o seu ciclo de conferencias e seminarios que brindou a oportunidade tanto ao alumnado como ao profesorado de aprender da man de recoñecidas e recoñecidos científicas/os das universidades galegas”
Baixo o título “Vida Verde, Vida Azul” as e os conferenciantes ofreceron coñecementos sobre a importancia da auga tanto salgada como doce e da súa estreita relación coa vida nos nosos bosques e montañas. Preservar os mares e océanos e cambiar o rumbo para un futuro máis sostíbel foi un dos obxectivos da conferencia que ofreceu a doutora e científica do Campus do Mar, Noelia Estévez, para un total de 26 aulas dos centros ponteareáns.
A doutora en química, Elena Falqué, e a doutora en farmacia, Mº Concepción Pérez ensinaron ao alumnado e profesorado de máis dunha ducia de aulas as propiedades e características das distintas augas minerias e os seus beneficios para a saúde.
A televisiva Patricia Puga reuníuse con máis de dezasete aulas para ofrecerlles coñecementos sobre plantas silvestres e os seus posibles usos culinarios incentivando aos e ás participantes ao respecto pola natureza xa que cada planta ten unha función que desenvolver no seu hábitat.
O profesorado ampliou coñecementos da man de Andrés Pose, María Dolores Sangiao e Rodrigo Porto, docentes no CIFP A Granxa, que abordaron a importancia dun bo deseño e planificación dos hortos escolares, así como as necesidades de preparación da terra e as especies axeitadas para que a experiencia resulte exitosa.
Grazas a Ciencia en Movemento, por quinto ano consecutivo, o alumnado aprendeu coa actividade do Museo das Ciencias encamiñada tamén a coñecer a intensa relación entre todos os elementos naturais.
“Estamos orgullosos, un ano máis, da actitude do noso alumnado e profesorado que incrementa ano tras ano a súa implicación. As actividades deste ano tiveron como obxectivo concienciar da importancia de preservar a vida natural, de aprender de todos os beneficios que ofrece e de amosar de xeito práctico como inflúe cada un dos nosos xestos diarios e que consecuencias boas ou malas ten para o noso planeta”, explica Fdez. Davila.
“A Semana das Ciencias de Ponteareas estreitou unha vez máis os vínculos coa estratexia de futuro ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’ da consecución dos Obxectivos de Desnevolvemento Sostíbel (ODS 2030)”
A Semana das Ciencias de Ponteareas estreitou unha vez máis os vínculos coa estratexia de futuro “Ponteareas, Hábitat Saudábel” e súmase aos esforzos que realiza o goberno ao longo do ano na concienciación e difusión da necesidade dunha vida sostíbel e da consecución dos Obxectivos de Desnevolvemento Sostíbel (ODS 2030).
Cristina Fdez Davila engade que a semana das ciencias seguirá viva e nestes intres coa participación da infancia e da mocidade dos centros desenvólvese unha nova ferramenta didáctica que poderán empregar ao longo de todo ano, tanto os centros educativos coma a veciñanza en xeral.