A Valedora do Pobo admite a trámite a queixa do Ateneo Amado Garra sobre o Centro Cívico de Ponteareas

María Dolores Fernández requiríu ao Concello para que en 15 días facilite a información que o goberno oculta ao Ateneo

Ponteareas | A Valedora do Pobo, María Dolores Fernández, ven de admitir a trámite a queixa formulada o pasado mes de xullo polo Ateneo Amado Garra en relación co Centro Cívico de Ponteareas. A queixa, apoiada por outros sete colectivos sociais, foi interposta polo presidente do Ateneo, Roberto Mera, e nela lémbrase que o Centro Cívico é un proxecto executado no marco da Estratexia DUSI “Hábitat Saudable” que prevé destinar un edificio rehabilitado na Praza Maior á realización de actividades por parte dos colectivos e entidades veciñais da localidade.

O Ateneo explicaba na súa queixa que o actual goberno local anunciou nos medios de comunicación a súa intención de cambiar o destino do edificio e adicalo a Residencia de Artistas, unha sorte de hostal ou pensión, privando ás asociacións ponteareáns deste espazo. O Ateneo Amado Garra incluíu na queixa a falta de resposta do Concello ás reiteradas solicitudes de celebración dunha reunión do goberno local cos colectivos sociais de Ponteareas para dar información sobre a situación e previsións ao redor do Centro Cívico. A queixa tamén se estendía á falta de resposta ás solicitudes de acceso a información e documentación relativas ao proxecto, que foron presentadas polo Ateneo.

Agora, a Valedora ven de requirir ao Concello para que no prazo de 15 días “facilite a información sobre os problemas que motivan a súa queixa”, segundo se sinala no oficio recibido polo Ateneo. O presidente do Ateneo Amado Garra, Roberto Mera, lamentou que “o goberno municipal non atendeu nin deu resposta ao longo do ano a ningunha das nosas solicitudes de información nin á petición de reunión formulada por numerosos colectivos sociais, o que revela unha falta de transparencia e unha falta de respecto ás asociacións incompatíbel cun exercicio democrático do poder municipal”.

Mera lembrou que o proxecto orixinal do Centro Cívico contempla unha sala de usos múltiples, de uso compartido, para o seu uso polas distintas entidades, asociacións e colectivos sociais da vila para a celebración de reunións e outras actividades que faciliten a súa actividade interna e tamén servan como espazo para o desenvolvemento da súa finalidade e actividades sociais, lúdicas e formativas.

O Centro Cívico tamén está destinado, segundo o proxecto, ao seu uso pola xuventude da vila, como lugar de ocio e espallamento, así como para a realización de actividades e obradoiros impulsados polo concello específicamente dirixidos á xuventude. Ademais prevense tamén espazos para albergar exposicións permanentes e temporais.

O Ateneo pretende que a través da intervención da Valedora o Goberno Local convoque unha reunión con todos os colectivos veciñais da localidade para explicar as previsións relativas ao Centro Cívico e escoitar as opinións das entidades sociais, que facilite o acceso a toda a información e documentación relativa a este equipamento e que retome o destino previsto orixinalmente para o Centro Cívico para atender as necesidades imperiosas dos colectivos sociais ponteareáns de contar con espazos acaidos para o desenvolvemento da súa actividade interna e pública.