Non é unha doazón “graciosa” das novas xeracións.
Parecerá innecasario escribir sobre esta obviedade, pero a sensación que sentimos moitos Vellos (Maiores para quen se sinta ofendido co cualificativo de Vello, que non é o meu caso), perante o proceder de certos sectores da sociedade actual, convídanos a facelo.
Os tratamentos que, en certos sectores da sociedade (centros sanitarios, residencias, bares, restaurantes, etc.) nos dispensan (con boa intención) ós Vellos-Maiores, pero “adornados” por un ribeteado “ñoño”: sénte alí naquela cadeiriña, voulle dar un pinchaciño, vaille doer un pouquiño, etc.; coma se estivesen tratando con meniños, máis ca sentírmonos ledos, sentímonos incómodos.
Somos persoas Vellas-Maiores, si; persoas con moitos anos, tamén; pero o modernamente chamado edadismo non está declarado discapacitante; si que, algúns, padecemos limitacións, pero que non se curan con ñoñerías. Tamén resulta anómalo o costume de, cando se dirixen a nós, elevar o ton de voz respecto das demais persoas. Ser vello non implica, necesariamente, ser xordo; isto fainos sentir máis diferentes do que somos.
Obsérvase, en amplos sectores das novas xeracións, un desmesurado ánimo por tentar facernos máis novos cando nos tratan de: mozos (chicos, normalmente), cariño, cari, amigo…; como se nós necesitaramos un certificado de xuventude para nos sentír máis novos e, consecuentemente, máis felices. Non. A nós, con que nos chamen polo nome ou, se o ignoran, nos dispensen o tratamento de cortesía (que non de submisión): señor, Vde…, xa nos sentimos a gusto; a menos que exista algunha relación familiar ou de amizade que resulten ridículos os devanditos tratamentos e máis fraternal o tuteo.
“Obsérvase, en amplos sectores das novas xeracións, un desmesurado ánimo por tentar facernos máis novos”
Tampouco nos parece axeitado (por exceso) o tratamento de “cabaleiro”, como adoitan facer moitos axentes da autoridade e algún colectivo minoritario cando se dirixen a nós para calquera cuestión; neste caso as Sras. requerirían, con razón, o de “dama”. Con Sra. Sr., abóndanos.
Un servidor, Vello de 78 anos, que vai polo mundo moi fachendoso de selo, sen molestar a ninguén, non precisa de tuteos descarados, apócemas embellecdoras nin terapias rexuvenecedoras para se sentir a gusto co que a Natureza lle presta.
Si que nos fai felices que non nos atropellen por las rúas, tendo que ceder nós o paso para evitar a colisión. Ceder un asento, ou o paso nunha beirarúa estreita a alguén que o precise máis ca nós non é unha antigalla do franquismo. É un acto de humanismo; son xestos de solidariedade, de sociabilidade que lubrican as relacións humanas logrando unha Sociedade máis fluída, máis humana e un Mundo máis confortable. O desgusto-frustración que nos produce o comportamento irracional-inhumano dalgún-a donos dun can por esixir que este non nos veña limpar o fuciño (que só el sabe onde o meteu) ás nosas pernas, resultan insoportables. Hai lugares polos que xa non se pode transitar sen ser molestados por un can.
Existen unhas forzas “telúricas” (presión publicitaria) que, coma a chuvia miuda, nos empapa sen nos dar conta. A mercadotecnia sabe moi ben que as idades xovenís son as máis vulnerables perante os “cantos de serea” que inducen á tiranía-escravitude do consumismo, ás modas, etc. Daí, que tente, por todos os medios ó seu alcance, “uniformizarnos” a toda a poboación neses treitos de idade nos que se é máis proclive e vulnerable ó consumismo para lle plantar cara a aquela tiranía: Nenas con bolso, mozos cos pantalóns rotos (por moda), petrina dos pantalóns e calzoncillos con dimensións de adolescente, Vellas-os-Maiores ós que os tratamentos de cortesía os fan vellos, parecendo ignorar o ano que naceron…
“Existen unhas forzas ‘telúricas’ (presión publicitaria) que, coma a chuvia miuda, nos empapa sen nos dar conta”
A quen padeza patoloxías edadísticas que (os-as) hai, suxírolles a lectura do libro “Yo vieja”, de Anna Freixas; resulta ser, para nós, os Vellos-Maiores, un salvoconducto para ir polo mundo coa cabeza ben alta e peito ben enchido; é dicir: non ir pola vida pedindo perdón pola idade que desfrutamos.
Ata a chegada da “modernidade virtual”, estaba en vigor aquela frase que dicía: “A experiencia é a nai da ciencia”. Na actualidade, o egocentrismo, a suposta autosuficiencia, o nihilismo derogaron o espírito daquela frase cuxa antigüidade descoñecemos. ¡Que nos vos pese! Eu lamento o baleiro deixado polos nosos antergos (avós-pais…), porque cando necesito consultar algo sobre cousas da vida cotián anteriores a min e que eles coñecían, non teño a quen preguntar. Láiome daquel baleiro.
Ser Vello-a-Mallor non é unha eiva; é un desfrute que os novos descoñecedes.
Ser Vella-o-Mallor non é unha eiva; é un Mérito cuxo título se consegue sen a intervención de ningún ente terreo. ¡¡¡Gracias-zas… Nai Natureza!!!
Se nos dispensades a atención que merecemos, descubriredes que, en toda Vellez queda un pouso de Beleza.
Son Vello, si; e, en frase dos nosos antergos: “A moita….honra”.
Dos coidados-mimos que se lle dispensan ós cans e se lle negan ós Vellos-Maiores; escribimos noutra ocasión, se chegamos.