A ver cando escampa.

Un dito tradicional, moi común entre a rapazada, afirma que ten medo quen ten cu. Coma se o medo fose o culpable do cu, ou viceversa. Advirte dalgún xeito que todos temos medo ou algún tipo de medo, medos ao que nos poida pasar, ao que poida vir, ás consecuencias derivadas dun erro, mesmo medo ao mesmo medo. Un medo moi común pois sabemos que os medos nos paralizan e coutan, impiden a soltura e a necesaria prestancia deixándonos inhibidos e torpes, inmobilizados. Todo isto sucede a todo ser vivo, mesmo aos animais. De aí o dito aquel que fala do gato escaldado que rexeita da auga fría.

Medo, medos, canguelo, covardía, temor, sospeita, terror, receo, sobresalto. Xa na historia se relatan aconteceres do medo, xa os feitos abondan para ir afacéndonos a ter medo, esa difícil aprendizaxe do sosego, de sabernos e respirar, pensar, valorar e reaccionar o mellor que poidamos, porque o medo, queiramos ou non, cega e dificulta a paz. Penso agora no medo, nestas circunstancias de actualidade que nos fan lembrar aqueles episodios da historia nos que os humanos deixámonos levar da deshumanización. Si, de Hitler e Franco e tantos iluminados que no mundo foron, cos horrores que ecoan e aínda viven, aínda veñen. Velenos e odios imperaron e foron artificio de inimizades e xenreiras. Bombas, guerras, horrores das Guerras Mundiais. A Bomba atómica, as posibles guerras nucleares. Falta de entendemento, o abuso duns cantos. A polarización eterna dos polarizados en si mesmos. A división en hordas enfrontadas que buscan inimigo, ou invéntano créndose na ilusa posesión da verdade e a razón, desde ese sen-sentido que frustra e complica a brevidade das nosas vidas. Horizonte onde non se comprende á xente diferente e non se acepta. E se é diferente, pasa a ser inimigo. Ignoran a riqueza en agasallo de ser quen somos, por obra e graza da diferenza.

Os tempos preséntanse con advertencias. Veñen medos, diferencias e polarizacións, as non aceptacións dese diferencialismo que nos caracteriza e enriquece, para facernos únicos. Si, lonxe de ser un campo minado para os que pensan mal e desconfían, para os que se pensan por riba dos demais. Son tempos nos que vencen os peores, á vista está. Son mala xente. Teñen a cara avinagrada con enormes ansias de vinganza e unha ideoloxía de crimes e delitos ás costas, de revisión. Son monstros no abuso, na ideoloxía pervertida de tantos esbirros que só con pensalo da calafríos. Miren a cara, os acenos, as danzas satisfeitas dos seus desmáns. Garanten unha nova orde no mundo, descaradamente a aberración e a dor constante. Os tolos están no poder, poden facer moito, moito dano ás estruturas tan dificilmente creadas no equilibrio para que vexan luz dereitos humanos que se pensaban conseguir. Son mala xente, violenta e denuncian, reclaman, demoran, acosan, perseguen, reprimen, dominan, prohiben, encarceran, axitan, ameazan, menten, castigan a quen non pensa como eles. Pensan inxectando veleno na sociedade, creando novos inimigos, invadindo o que non lles pertencen, colonizando, creando fronteiras e muros, difamando e convulsionando desde o terror e as armas de última xeración. En parte temos culpa de deixalos medrar, andaban silandeiros á espreita.

“Os tempos preséntanse con advertencias. Veñen medos, diferencias e polarizacións”

Ata aquí chegamos e sabémonos cercados cunha disposición mínima para non convulsionar, soñando aínda aquel estado de benestar, reconciliados na diferencia e aprendidos de certa luz da historia que se volverá repetir por non ter aprendido debidamente. Vendo que isto dure pouco e que vén de antigo, nunha nova polarización absurda, como todas. Demostrouse que funciona a mentira e o espellismo. Mais isto non pode ser bo. Aproveitan a impunidade que lles dá o poder, conseguido como sexa. Cremos ter aprendido algo e non tomamos as debidas precaucións que xa a historia contaba. Non deberiamos fiar da falta de memoria -aínda próxima- onde evocabamos a fratricida guerra que aínda invita a lembrar as aberracións e horrores, dores e feridas que non curaron, incapaces de comprendernos.

Temos cu, polo tanto temos medo. A ver se polo menos reaccionamos causándonos o mínimo dano porque así caen os imperios e novamente nacen outros, no desexo do equilibrio e a harmonía da paz pero lonxe delas. Non deixa de ser unha perda enorme de tempo e de ilusións. A ver cando escampa!

Mestre e músico.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.