A Vía da Prata protagoniza a campaña da Deputación de Ourense en Fitur

O presidente provincial, Luis Menor, destacou o impulso da institución ourensá ao itinerario xacobeo máis extenso de Galicia

Ourense | A Deputación de Ourense aposta pola gran experiencia da Vía da Prata para presentar a provincia na Feira Internacional de Turismo (Fitur), en Madrid.

O presidente provincial, Luis Menor, destacou os valores paisaxísticos, patrimoniais, culturais e etnográficos do itinerario xacobeo máis extenso de Galicia, protagonista da campaña promocional da Deputación titulada: “Vía da Prata; provincia de Ourense (OU yeah!)”, a través dun vídeo no que se entrelazan cinco historias de diversas xeracións e procedencias, todas elas marcadas polas vivencias e a emoción do Camiño ao seu paso por Ourense.

Os 200 quilómetros e os 28 concellos ourensáns polos que transcorre o tamén chamado Camiño Mozárabe son a carta de presentación da Deputación de Ourense e da provincia #ante operadores e público de diversos países. “Queremos converter a Vía da Prata na alternativa do viaxeiro”, sinalou Luis Menor, que destacou a “singularidade” da Vía da Prata, ao establecer un “vínculo profundo e único” entre o Camiño de Santiago e a Alta Velocidade, grazas á conexión da capital, Madrid, con Ourense, a través do AVE. “As cifras anteriores de viaxeiros da Vía da Prata non eran xustas, pero este 2024 crecemos un 13% e aspiramos a seguir así, captando máis peregrinos”, sinalou Menor.

Avance nun roteiro cicloturista
O presidente provincial avanzou o traballo da Deputación na especialización dun roteiro cicloturista, para aproveitar tamén o constante crecemento de peregrinos que optan pola bicicleta como medio de chegada a Santiago a través da Vía da Prata.

Neste sentido, a Deputación, en coordinación co Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), levará a cabo melloras nos traxectos como a instalación de puntos de reparación de bicicletas.

A campaña, elaborada a través do Inorde, e coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia, contempla próximas accións de promoción dun dos recursos turísticos máis relevantes de Ourense. Neste sentido, Luis Menor valorou aspectos do Camiño como a “excelente gastronomía, patrimonio, hospitalidade e ofertas culturais e de lecer”, que contribúen a que o peregrino obteña unha experiencia completa.

Con todo, destacou o presidente da Deputación, a Vía da Prata “necesita un impulso máis, transformala nunha alternativa de calidade para os peregrinos”. No marco de impulsar a divulgación do Camiño, a Deputación de Ourense decidiu dar ese paso máis e converter a Vía da Prata no eixo central da campaña de presentación da provincia en Fitur, un gran escaparate para dar a coñecer aínda máis o que é o produto turístico máis internacional de Galicia, o Camiño de Santiago a través das súas múltiples variables. Luis Menor destacou na súa intervención a “oportunidade” de que o AVE permita que “desde A Gudiña ou desde Ourense póidase iniciar a Vía da Prata ao seu paso por Ourense, practicamente a dúas horas de Madrid grazas á Alta Velocidade.

Un itinerario en constante crecemento
O presidente provincial debullou no seu discurso varias cifras que certifican a gran acollida da Vía da Prata entre os itinerarios xacobeos. Así, máis da metade dos camiñantes da Vía da Prata comezan o seu roteiro desde Ourense. Trátase do camiño xacobeo que atesoura maiores valores paisaxísticos e que rexistra un maior número de elementos de patrimonio material catalogados, un total de 600.

A gastronomía e os produtos locais tamén forman parte do atractivo da Vía da Prata, que se trata do itinerario con maior número de produtos de denominación de orixe. Á hospitalidade do Camiño hai que sumar a excelencia dos aloxamentos, xa que a Vía da Prata é o Camiño que conta con máis albergues de primeira categoría.

O interese cultural tamén é unha das bazas para explorar polo viaxeiro, xa que a Vía da Prata atravesa localidades con eventos de relevancia como o Entroido de Xinzo, Festa de Interese Turístico Internacional, pero tamén outros entroidos destacados como os de Xinzo, Vilariño de Conso, Verín ou Laza.

Aos entroidos engádense outras celebracións de importancia na provincia como a da Castaña en Riós, a exaltación do pan de Cea, o Boi de Allariz, o Magosto de Ourense ou os Maios. Menor subliñou a aposta da Deputación por “desestacionalizar” a Vía da Prata como destino grazas a que “calquera data do ano é boa” para atopar ofertas culturais e de lecer, un dos piares que sustentan a campaña de promoción turística da Vía da Prata non só como un Camiño a Santiago, senón como unha experiencia completa.

Conexión local
No marco da campaña de promoción da Vía da Prata, a Deputación prevé programar de novo o Camiño por etapas, unha iniciativa da Deputación de Ourense que contempla servizos de guía e autobús, especialmente destinado aos usuarios locais, para realizar a Vía da Prata por etapas, con saídas cada domingo. A iniciativa, que o ano pasado atraeu a un centenar de ourensáns, reactivarase de novo este 2025, con melloras para poñer o foco en conectar cos ourensáns.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.