O Covelo | A oferta estable de actividades guiadas do Concello de Covelo atrae cada vez a máis persoas interesadas en gozar do patrimonio natural e histórico deste concello que se sitúa como o pulmón verde da área metropolitana.
Sen medo aos quilómetros e con moitas gañas de descubrir recunchos fermosos e vistas únicas, máis de corenta persoas percorreron as dúas etapas da Vía Mariana Luso-Galaica acompañados do biólogo e guía de montaña Julio Eiroa. Xunto a él aprenderon sobre a fauna e flora dos nosos bosques e montes ademais de fitos históricos.
A Vía Mariana Luso-Galaica supón unha andaina inmersa no medio natural lonxe de ruídos e de asfalto. As dúas etapas do Concello de Covelo son a perfecta alternativa para desintoxicarse do medio urbano.
O Concello de Covelo ofrece ao longo dos doce meses do ano visitas e andainas guiadas para promover a súa riqueza medioambiental e patrimonial que agasalla aos e ás camiñantes fermosos lugares descoñecidos agochados das masas e vistas nas que perderse e desconectar. Totalmente de balde e co único requisito de inscrición previa, as xornadas de sendeirismo e visitas guiadas son o punto de encontro daquelas persoas que desexan respirar aire puro en contacto co medio natural.
Este sábado os e as camiñantes coñeceron a etapa 7 da Vía Mariana Luso Galaica que vai dende o alto da coroación na Franqueira, A Cañiza, para dirixirse ao centro de Covelo. Trátase dun percorrido lineal de nove quilómetros de dificultade baixa para relizar en aproximadamente tres horas e media. A hora de saída será ás nove da mañá. O domingo 24 o roteiro viaxou pola etapa 8 da Vía Mariana dende a praza de Covelo a Portela do Foxo, entre os concellos de Covelo e Fornelos de Montes. Unha travesía de dificultade moderada con 23 km e unha duración aproximada de nove horas.
Outra das actividades que tamén tivo que colgar o cartel de cheo foi a do roteiro guiado e observación estelar na paraxe starlight do Castelo do Faro. As persoas participantes camiñaron dende a igrexa de Prado para subir ao miradoiro paisaxístico do Faro, o punto xeodésico máis alto de Pontevedra con 1.154m de altitude situado na parroquia de Prado. De once da noite a dúas da madrugada observaron o firmamento da man da Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía.
O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, explica que estas actividades non só supoñen unha oferta de lecer tamén son unha boa ferramenta para a posta en valor do medio natural que no Concello de Covelo acada a súa máxima expresión con frondosas fragas, ríos e regatos, paraxes de montaña, vistas, patrimonio histórico e un sinfín de recunchos protexidos da masificación e aos que só se pode chegar camiñando.
Covelo, Paraxe Starlight, o Faro de Avión posúe este recoñecemento que acredita a calidade do ceo na zona, certificación que concede a Fundación Starlight, unha entidade de ámbito internacional vinculada ao Instituto Astrofísico de Canarias, en recoñecemento a aqueles espazos que posúen unha excelente calidade de ceo e que representan un exemplo de protección e conservación.