Valerio do Bierzo deixou escrito arredor do ano 680, trescentos anos despois, que unha muller de nome Exeria, máis forte que todos os homes, chea do espírito de Deus e de ledicia, emprendeu con todas as súas forzas e con corazón intrépido unha longuísima viaxe por todo o mundo, deixando plasmadas por escrito as súas experiencias e o seu percorrido.
A maior parte dos investigadores cren que Exeria procedía da Gallaecia, ao igual que Prisciliano. Hai incluso quen vai máis alá e apunta a hipótese de que se trataba dunha muller do seu círculo máis inmediato.
Foi agarimada polos bispos, presbíteros e moxes nos lugares que visitaba. Mesmo protexida polo exército e os seus oficiais ao atravesar por territorios nos que a súa integridade física perigaba.
O Itinerario da súa peregrinaxe a Palestina e Exipto ía dirixido a unhas irmás ou compañeiras de comunidade, o que fixo pensar a algúns que se trataba dunha monxa; porén máis probabelmente se tratase dunha persoa culta e acomodada pertencente a unha comunidade cristiá priscilianista, onde chamarse “irmá/án” era o habitual. Coñecía os evanxeos e os textos apócrifos, o que tamén se adoitaba facer entre os princilianistas.
Chámalle atención de que en Palestina non se xexúe sábados e domingos, o que si era frecuente entre os e as seguidoras de Prisciliano. O seu é un relato da súa viaxe a Oriente, a pé e ás veces dacabalo, expresado con sinxeleza e naturalidade e cheo de comentarios entusiastas.
A viaxe foi realizada a finais do S. IV, probabelmente na década dos anos oitenta. Atravesou o Sur da Galia, o Norte da península Itálica, cruzou en barco o mar Adriático e visitou Xericó, Nazaret e Cafarnaúm, partindo despois desde Xerusalém cara Exipto, onde visitou Alexandría, Tebas, o mar Vermello e o Sinaí.
Visitou despois Antioquía, Edesa, Mesopotamia, o río Éufrates e Siria, desde onde regresou vía Constantinopla. Non se sabe nin cando nin onde morreu.
Porén o seu “Itinerarium”, escrito en latín, tivo éxito e chegou a ser imitado posteriormente.