Vigo | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, referiuse a visita que o presidente da Xunta de Galiza está realizando en diversas institucións europeas e ao respecto considerou que só vén a Bruxelas “para vender fume” e non dar explicacións en Galiza sobre temas tan relevantes como os documentos sobre a fusión das caixas.
“Como é posible que veña a falar do corredor atlántico de mercadorías cando aínda non se presentou a proposta ao goberno de Rajoy? E como é posible que veña a facer fotografías ao Parlamento Europeo cando con que se debería estar reunindo é coa comisaria de Transporte”, manifestou Miranda, quen anunciou que como eurodeputada ten prevista unha xuntanza o vindeiro 26 de xuño coa comisaria Violeta Bulc.
Para a eurodeputada nacionalista, con este viaxe a Bruxelas Feijóo só pretende “fuxir non dar a cara e vender un tren que aínda non saíu porque aínda non está presentada a proposta nin en Madrid”. Ao seu xuízo, o presidente da Xunta só trata de poñer o foco de atención na capital europea sen enfrontarse as cuestións que lle atinxen directamente e polas que debería dar a cara en Galiza.
Ana Miranda criticou ademais que o presidente da Xunta non contactase cos eurodeputados e eurodeputadas galegas, o cal ao seu xuízo supón unha “falta de respecto institucional”. ”Dende o BNG non entendemos como non se reuniu coa comisaria de TRansporte, que é quen realmente pode decidir sobre ese dosier chegado o momento”.
“Quero lembrarlle ao presidente da Xunta que as propostas van entrar no Parlamento mediante a chamada revisión da rede transeuropea de transporte, pero é polo Parlamento Europeo por onde teñen que pasar co cal debería contactar cos eurodeputados galegos”, subliñou.