A Coruña | A vicevaledora do Pobo, María Xosé Porteiro, protagonizará o vindeiro xoves 3 de xuño (18:00 horas) a cuarta sesión do ciclo “As mulleres cen anos despois de Emilia Pardo Bazán”, organizado polo Concello da Coruña e a Real Academia Galega, a través da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, co gallo do centenario do pasamento da autora coruñesa.
A xornalista e escritora é unha figura destacada do feminismo en Galicia, pioneira na defensa da introdución da perspectiva de xénero nos medios de comunicación e na acción política e institucional, dende a que creou a primeira concellería de igualdade e a primeira casa de acollida de mulleres maltratadas de Galicia. María Xosé Porteiro falará na sede da Casa-Museo (rúa Tabernas, 11 – A Coruña) sobre o papel do feminismo en distintos ámbitos de acción e a importancia de tecer redes entre as mulleres nunha conversa con Pepe Castro aberta ao público e que poderá seguirse tamén en directo a través da canle de Youtube de Cultura da Coruña.
Autora de varias novelas e ensaios, María Xosé Porteiro exerceu o xornalismo en Radio Popular de Vigo, El País ou La Voz de Galicia nun momento no que nesta profesión a presenza das mulleres era aínda escasa. Na arena política, foi concelleira en Vigo, deputada no Parlamento de Galicia (1989-1997) e no Congreso dos Deputados (2004-2007) e a primeira delegada de Galicia no exterior (2007-2009).
“María Xosé Porteiro fíxose cargo da primeira concellería de igualdade de Galicia (1987-1991) e tamén creou a primeira casa de acollida de mulleres maltratadas na comunidade, así como un dos primeiros centros de información para mulleres”
Na etapa como concelleira, María Xosé Porteiro fíxose cargo da primeira concellería de igualdade de Galicia (1987-1991) e tamén creou a primeira casa de acollida de mulleres maltratadas na comunidade, así como un dos primeiros centros de información para mulleres.
A convidada deste mes ao ciclo de conversas da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán foi designada polo Parlamento de Galicia vicevaledora do Pobo en 2019. Dende ese mesmo ano é tamén coordinadora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega.
Debido ás restricións sanitarias por mor da covid – 19, recoméndase reservar praza para asistir á conversa no correo difusion@academia.gal, indicando nome e apelidos e un número de teléfono de contacto.
Polo ciclo de conversas As mulleres cen anos despois de Emilia Pardo Bazán pasarán entre marzo e decembro oito mulleres que destacan en eidos ben diferentes para reflexionar sobre o acadado dende os tempos da escritora en termos de igualdade de xénero e o camiño que queda por andar.
O programa xa contou coa presenza da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a académica Marilar Aleixandre e a gaiteira Susana Seivane. Todas as conversas poden verse na canle de Youtube de Cultura da Coruña.