A Guarda | O pasado xoves día 28 de novembro celebrouse a primeira Barferencia do ciclo finais 2019 no bar «Bugus Zentral» da Guarda, unha Barferencia que versou sobre «María Vinyals, unha galega de armas tomar» contando coa ponencia de Silvia Cernadas.
Silvia Cernadas Martínez, explicou aos presentes como foi a vida desta grande e polifacética muller do século XIX, froito das súas investigacións que a levaron a contactar e buscar información con boa parte dos seus descendentes e familiares directos e indirectos. Silvia Cernadas, nada en Soutomaior no ano 1988, é investigadora e Guía oficial de Turismo, Licenciada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela.
Entre as súas principais liñas de investigación destacan a historia da nobreza e os castelos, especialmente o de Soutomaior, sobre o que versa o seu proxecto de tese de doutoramento; a historia da fronteira con Portugal na Idade Media, que comezou a estudar no seu Traballo de Fin de Máster, e a historia das mulleres na Galicia contemporánea, centrándose na figura de María Vinyals. Ten publicado artigos e participado en varios congresos en relación a todos estes temas.
María Vinyals (1875-1940?) coñecida como a “Marquesa roja” polas súas ideas sociais e políticas, destacou como escritora e feminista pero acabou morrendo na miseria e no esquecemento. Nesta Barferencia falousese desta muller tan vencellada ó Castelo de Soutomaior e cuxa vida ben podería ser levada ó mundo do cine ou a televisión.
A segunda Barferencia deste ciclo terá lugar o vindeiro xoves día 26 de decembro ás 20:30h na «Cervexería La Bodega» e versará sobre «Juan Bautista Alonso Español (1801-1879). Relembrando a este deputado á corte da Guarda no 140 aniversario do seu pasamento», a cargo do historiador local Joaquín Miguel Villa.
Dende o Concello da Guarda anímase unha vez máis a participar nestas barferencias que ano a ano espertan o interese dos guardeses e foráneos nun clima distendido e de intercambio de coñecementos de gran interese xeral e que conta cunha ampla participación.