Sara Barreiro/El Progreso | A peregrina Exeria escribiu hai dezaseis séculos o primeiro relato de viaxes do que se ten constancia en España, un fito que converteu a esta aristócrata da Gallaecia romana na primeira muller escritora da Península Ibérica da que se ten constancia. O seu vínculo coa cultura galega fixo que, dalgunha maneira, o seu nome saíra a relucir moito tempo despois nunha reunión de catro músicos da comarca do Condado que buscaba denominar a súa nova banda.
Deste xeito, naceu o grupo Exeria, composto por Diego (batería), Miguel (baixo), Martín (guitarra e coros) e Mateo (voz e guitarra). Defínense como “provedores de cancións” e afirman que a súa principal influencia é a música da súa infancia: o grunge e o rock dos anos 90. Tras gañar a #Batalla13R, o concurso de bandas do Trece Roeis Fest, actuarán o sábado neste festival que celebra en Pantón a súa quinta edición. Mateo González fálanos desta experiencia e tamén das orixes, o presente, e o futuro da banda.
Cando e como nace Exeria?
Nace despois da pandemia. A corentena fixo que se truncaran moitos proxectos e, cando rematou, había ganas de tocar e xuntarse con amigos para facer música. Con ese obxectivo creouse Exeria. A idea era facer grunge en galego porque os outros tres rapaces que forman o grupo xa estiveran nun grupo tributo a Nirvana chamado School e a Miguel, o baixista, ocorréuselle a idea de seguir facendo ese estilo de música pero en galego. De aí foi evolucionando a idea e comezaron o grupo con outro rapaz como vocalista, Javi, pero ao cabo dun ano non puido seguir por problemas de axenda e entón foi cando me unín eu.
“A idea era facer grunge en galego”
Cales son as vosas influencias? Algún grupo co que vos sintades identificados?
A referencia máis clara é Nirvana porque foi o concepto co que naceu o grupo. Tamén temos outras influencias do grunge como Alice in Chains. Pero agora mesmo non diría que só facemos grunge en galego, tamén facemos outras moitas cousas. Por iso, tamén nos influencian outros grupos máis ligados ao britpop ou ao rock alternativo como Oasis, Radiohead, Audioslave, Soundgarden… Ao final, os catro temos unha serie de gustos; moitos comúns, pero tamén tiramos cada un cara o seu. Iso fai que cando facemos as cancións xurda unha mistura interesante. Eu, por exemplo, son máis melódico e pop, Martín tira máis cara o britpop, Miguel é máis grunge… É algo bastante amplo, cústame etiquetalo nun só estilo.
O resultado desa mistura foi o voso primeiro EP, Sobre a Independencia, que saíu en marzo consta de cinco cancións. Que significou ese traballo para vós?
Xa tiñamos dous singles, pero este foi o noso primeiro traballo concibido con un fío común, que é xustamente esa independencia emocional que lle dá nome. O mantra de Sobre a Independencia quere trasladar que cando che pasa algo malo ou alguén te abandona, ti mesmo tes que tirar cara adiante e atopar novos camiños. Neses cinco temas que conforman o EP viaxamos bastante e creo que tamén se pode intuír bastante ben esa idea da variedade de estilos que comentaba antes. Así como, por exemplo, A Costa de Frades é un tema máis melódico, outras como a propia Sobre a Independencia teñen unhas melodías máis escuras, máis propias do grunge.
Se tiverades que escoller un tema dos cinco que compoñen Sobre a Independencia para usar como carta de presentación da vosa banda, cal sería?
Un só tema creo que se quedaría curto para facerse unha idea de todas as facetas do grupo, pero de escoller un dos cinco podería ser o homónimo, Sobre a Independencia. Reflicte a enerxía que poñemos na nosa música e o gusto por probar cousas novas cos compases e as escalas.
Vindes de gañar no 2023 o concurso de bandas do Trece Roeis Fest e, agora, a xira Sobre a Independencia aterra en Pantón despois de case unha vintena de concertos por toda Galicia. Como está sendo a experiencia da xira?
Queríamos aproveitar o lanzamento do EP para ensinarllo á xente e levalo aos máximos sitios posibles. Levamos uns meses bastante cargados de traballo, pero tamén é isto o que máis nos gusta: saír e tocar as nosas cancións en vivo e en directo. É unha maneira de comunicarte, de ter unha conversación co público. Esta é unha xira bastante extensa que xa nos levou polas catro provincias e por sitios moi variados, desde salas de concertos ás festas das propias vilas pasando por bares. En todos os concertos sempre houbo alguén que se achegou a nós e nos deu un bo feedback da nosa música. Que alguén se pare a darche os parabéns sempre é algo que te motiva e te anima a seguir. Agora quédanos este último concerto de verán en Pantón. Teremos outros dous concertos máis ata outubro, pero co deste sábado dalgunha maneira pechamos o verán.
“Tocar en directo é a mellor maneira de comunicarte co público”
O Trece Roeis será a vosa primeira experiencia como parte do cartel dun festival. Que esperades deste concerto?
Para nós o máis interesante é que imos poder chegar a un público amplo que estará alí non só por nós, senón por todos os artistas do festival. A visibilidade que nos poden dar este tipo de espazos ao final é o máis importante cando empezas. Para poder gustarlle á xente teñen que escoitarte (risas). Ademais, compartimos cartel con grupazos como Fillas de Cassandra ou Rebeliom do Inframundo, entre outros, e vémolo como unha moi boa oportunidade. Animamos a todo o mundo a que se achegue esta fin de semana ata Ferreira de Pantón a desfrutar do cartel completo.
E mirando ao futuro, cara onde vos gustaría que tirara o proxecto de Exeria?
De momento estamos traballando no videoclip dun dos temas que xa temos publicados. Para o ano gustaríanos seguir gravando, sacar algún single máis, e temos algunha idea para un posible disco un pouquiño máis longo. Pero polo de agora a nosa atención está sobre todo nos concertos que quedan da xira deste EP. En xeral, o que nos gustaría de cara ao futuro é seguir tocando, que nos sigan chamando, recorrer salas, festivais, e, en definitiva, chegar cada vez a máis xente.
Fonte: El Progreso.