Creado en setembro pasado cunha traxectoria anterior na Plataforma de Afectadas polas Hipotecas (PAH), o Sindicato de Inquilinas de Vigo-Tui BM (Baixo Miño) ven realizando unha labor en pro da defensa dos dereitos das persoas en réxime de arrendamento. Falamos cos seus representantes Adolfo Telmo e Óscar Lomba.
Sindicato de Inquilinas de Vigo-Tui BM (Baixo Miño) Cales son as súas funcións?
Óscar Lomba (OL) En liñas xerais o Sindicato nace co obxectivo de defender os intereses das persoas que viven en situación de arrendamento, cunhas demandas moi claras e semellantes ás que defenden outras organizacións similares: estabilidade no alugueiro, regulación dos prezos dos alugueiros, fin dos desafiuzamentos, mobilización das vivendas baleiras, aumento do parque público de vivendas en réxime de alugueiro, eliminación do réxime especial tributario das Sociedades Anónimas Cotizadas de Investimento Inmobiliario que tributan ao 0% no Imposto de Sociedades, que os gastos derivados dos alugueiros sexan asumidos polos arrendadores e terminar co abuso dos intermediarios, a erradicación da pobreza enerxética, a limitación das vivendas de uso turístico, a loita polo dereito á vivenda. E especialmente que a banca asuma a subida do Euríbor para acabar coa estafa hipotecaria.
Adolfo Telmo (AT) Salientar que nós vimos da Plataforma de Afectadas polas Hipotecas (PAH) En 2019 organizamos en Vigo en colaboración co Sindicat de Llogaters y Llogateres de Barcelona unha campaña a nivel estatal que se chamaba “Picar a Burbulla do Alugueiro”. Xa temos unha traxectoria que quedou truncado pola COVID e polo posterior falecemento da presidenta e fundadora da PAH, Carlota Perez.
Polo visto tedes relación con entidades similares a nivel estatal. Hai posibilidades de crear unha Rede?
(AT) Xa existe. Estamos incluídos no Sindicato de Inquilinos de todo o Estado. Os máis fortes son Barcelona e Madrid pero hai en Granada, Navarra, Zaragoza, aquí en Vigo. De momento estamos tutelados polo Sindicato de Inquilinos de Madrid principalmente por cuestións de apoio legal, da elaboración dos estatutos, o web, os logotipos.
Tedes xestionado denuncias, actuado en situacións de desafiuzamentos?
(OL) Non. Coa PAH si. Eu creo que o parón prodúcese por dous factores fundamentais: cando falece Carlota Pérez e o tema da COVID. Eses factores foron unha limitación insalvable naquel momento.
Tedes un número aproximado das persoas que forman parte do Sindicato?
(AT) No grupo somos unhas 24 persoas, pero cada persoa move a outras mais.
Alza dos alquileres, das hipotecas, desafiuzamentos, os okupas. É isto un problema estrutural ou é consecuencia da crise do modelo liberalizador no sector inmobiliario?
(AT) Das dúas cousas. A liberación do mercado da vivenda supuxo un retroceso especialmente coa desaparición das vivendas de protección oficial, das que había un parque de aproximadamente seis millóns de vivendas que se puxeron en venda. Pero é tamén un problema estrutural. O Estado deixa ao mercado que faga todo tipo de vivenda. Non regula e practicamente renuncia a facer vivenda pública. Deixar que o mercado regule está claro que non funciona.
“España é un dos países que recibiu máis condeas por parte da ONU por vulnerar o dereito á vivenda”
(OL) Se ben ámbolos dous factores teñen que ver considero que é mais ben estrutural. Existen mecanismos legais que se podan artellar e que despois executen as Administracións Públicas. Hai unha morea de normas legais dende a Declaración Universal dos Dereitos Humanos que trata o tema da vivenda no artigo 25.1, o artigo 11.1 do Pacto Internacional de Dereitos Económicos e Sociais da ONU, a Carta Europea revisada no artigo 31, a Carta de Dereitos Fundamentais da ONU no artigo 33, a Constitución española no artigo 47 que protexe o dereito á vivenda. Pero vemos que non é así. Porque a vivenda é un ben de consumo e de investimento, case un ben de luxo por dicilo dalgún xeito, e non un dereito humano. Entre 2008 e 2015 houbo case 6.579 desafiuzamentos segundo o poder xudicial. España é un dos países que recibiu máis condeas por parte da ONU por vulnerar o dereito á vivenda incluso contando con ferramentas como a nova Lei de Vivenda que permite aumentar a oferta publica de vivendas. Na UE a cifra de parque público de vivendas supera o 15%: en España é do 1,6%. A nova Lei de Vivenda establece incentivos fiscais que reducen o prezo do aluguer e prevé unha recarga de postos de bens inmobles ás vivendas desocupadas. Hai ferramentas legais para garantir o dereito á vivenda pero todo depende da vontade e dos recursos das Administracións Públicas.
Cren que estes problemas irán a máis?
(AT) Si. Estamos sumidos nunha crise que non se lle ve saída e que está empeorando. As perspectivas non son boas para as clases medias. O prezo non para de subir e non hai oferta de vivenda para contrarrestar iso.
Falabades das Administracións Públicas. Tiveches contacto con eles?
(OL) Non. Tivemos recentemente unha xuntanza con colectivos interesados no tema da vivenda na sede de Amnistía Internacional. Creo que o papel clave é o que poidan xogar as Administracións Públicas porque son o elemento motor que poden ofertar unhas solucións. Pero iso sería a mediano e longo prazo. A curto prazo hai que buscar unha saída habitacional para as persoas que estean en situación de emerxencia. O 30 de outubro teremos unha xuntanza telemática con todos os Sindicatos a nivel estatal.
(AT) Como Sindicato estamos en fase de crecemento, de darnos a coñecer, de formalizar estatutos, cotas, ampliar os membros e ir a unha segunda fase onde comezaremos coas propostas, recoller casos. A fase actual é de crecemento e consolidación. En canto á receptividade temos unha acollida interesante por parte dos medios de comunicación e tamén unha sensibilidade social sobre este problema da vivenda e dos prezos de aluguer que está cada vez máis falándose na rúa
En qué lugar está Galicia co respecto ao problema da vivenda?
(AT) Está nunha situación media. Galicia é unha das Comunidades con menos tenedores de vivenda, definindo os grandes tenedores por riba dos 50. O caseiro medio en Galicia ten menos vivendas en comparación con outros a nivel estatal. O que non o fai mellor.
“Galicia é unha das Comunidades con menos tenedores de vivenda”
(OL) Iso non quere dicir que non estean penetrando os “fondos voitres”. Tampouco hai esta mobilización que tería que haber do denominado como “banco malo” (SAREB, Sociedad de Gestión de Activos Procedentes de la Reestructuración Bancaria).