A volta de Puigdemont.

Cadernos da viaxe.

Este sábado 27-X o president Puigdemont anunciou que, malia a vixencia da orde de prendemento do Supremo e, xa que logo, do risco de prisión, ha voltar axiña a Catalunya. Se hai pacto do ERC co PSC e Comuns para investir ao socialista Salvador Illa como president da Generalitat, voltará para o debate da investidura, que será na semana do 5-A ao 11-A, sempre que a afiliación de ERC ratifique a moi probábel proposta de pacto que fará a secretaria xeral Marta Rovira. Se non hai pacto e, xa que logo, hai eleccións en outubro voltará cara á Diada do vindeiro 11-S.

“Semella que o escenario máis probábel sexa unha volta inmediata, porque é xeralmente agardado en Catalunya o anuncio do pacto ERC-PSC para primeiros da semana do 29-X ao 4-A”

Semella que o escenario máis probábel sexa unha volta inmediata, porque é xeralmente agardado en Catalunya o anuncio do pacto ERC-PSC para primeiros da semana do 29-X ao 4-A. Un pacto do que non se coñece contido ningún, malia que semella que respostará máis aos intereses burocráticos de ERC (con 580 persoas afiliadas e simpatizantes percibindo soldo do sottogoverno e moito medo a unha repetición electoral en outubro) que a propostas de avance cara á soberanía ou mesmo á mellora real do autogoberno e do financiamento. Ou, cando menos, a propostas doadamente medíbeis canto ao seu cumprimento. Xa saben, o PSOE (e nunca o PSC na historia foi máis PSOE e menos PSC) adoita voar cando é de asinar acordos e vai moi amodo, mesmo parado e, ás veces, coa marcha atrás posta, cando é de cumprilos.

Malia que a dirección de ERC valide o pacto co PSC, a afiliación (8.700 persoas) terá de ratificalo. E aquí é onde comezan as dúbidas. Despois das nacionais catalás do 12-M ERC, que baixou do segundo posto, case empatado co PSC, de 2021 ( 21,3% e 33/118 deputados) ao terceiro, ben afastado do PSC e de JuntsxCat (13,69% e 20/118 deputados), implosionou. Demitiu Oriol Junqueras, o seu presidente e Marta Rovira, a súa secretaria xeral, asi como o candidato á presidencia da Generalitat , Pere Aragonés. Ademais, descubríronse ataques de falsa bandeira que levaron ao líder municipal de Barcelona, Ernest Maragall, a deixar o partido.

Nestas circunstancias é imprevisíbel o efecto que poida ter na afiliación de ERC e tamén en amplos sectores da cidadanía catalá unha interlocutoria do Supremo acordando a prisión para Puigdemont, malia a clareza dos termos da lei de amnistía que dispón que se deixen sen efecto todas as medidas cautelares atinxentes aos delictos integrados no seu perímetro. A maré mesmo podería chegar a Madrid e Bruxelas malia non ter mar ningunha das dúas cidades.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.