No meu despacho teño enmarcada a portada do Nº 0 de A PENEIRA, que saíu á rúa a mediados do mes de marzo de 1984. Xa choveu e nevou!!
Un dos titulares desa portada rezaba así: “As débedas e as contas do concello de Ponteareas”.
Nun principio estiven tentado a botar man dese titular para traelo aquí 38 anos despois. Non esaxero se digo que nestes momentos as contas no concello de Ponteareas andan un tanto revoltas, para ser xenerosos. Obviamente non acadan o grado de desbaraxuste que se vivía daquela. Pero decidín esperar a que as cousas se clarifiquen un chisco máis para ver en que quedan varios temas que nestes momentos andan pululando no ambiente. Convén que as augas volvan ao seu leito e logo falar dos temas con tranquilidade.
“Hoxe vou meterme nun terreo que levo anos defendendo e sigo a defender. Trátase do principio democrático de que ‘a Oposición tamén goberna”
Hoxe vou meterme nun terreo que levo anos defendendo e sigo a defender. Trátase do principio democrático de que “a Oposición tamén goberna”.
Este principio, máis ben esta idea, ou crenza non a inventei eu, obviamente; é o resultado da miña xa longa experiencia, como diría a escritora María Dueñas, “metido entre costuras”.
Estamos acostumados a aceptar que unha vez celebradas unha eleccións, xa sexan municipais, autonómicas ou estatais, o equipo ou equipos gañadores (se rematan facendo unha coalición), teñen todo o dereito a gobernar, pois os cidadáns déronlle luz verde para facelo. Así se ven facendo e así xa se facía nos tempos das monarquías, agás os 40 anos de “paciencia”, durante a oprobiosa ditadura.
Sen embargo eu entendo que o feito de que un partido ou partidos teñan capacidade de conformar un goberno tal e como está estipulados nas leis deste País non debera ser suficiente para obviar as forzas políticas que non acadaron esa maioría. Elas tamén se presentaron cos seus respectivos programa e foron votadas polos cidadáns aínda que non acadaron o apoio necesario para gobernar. Porque non podemos tirar ao lixo as preferencias, os anhelos de tantos e tantos votantes que seguiron os ditames dos seus correspondentes partidos ou organizacións políticas aínda que non acadaran o teito esixido polas leis para formar un goberno.
Pero sexamos máis prácticos e transparentes. Situémonos, poño por caso en Ponteareas, por ser o que temos máis a man. Aquí votamos, mil arriba mil abaixo, 12 ou 14 mil veciños/as. Dous partidos que se presentaban acadaron entre os dous, digamos, o 58% dos votos, digamos 6.500, e polo tanto, se están de acordo poden gobernar. Así se fixo. Ata aquí nada que obxectar. Establecen as conversas pertinentes, acordan como repartirse as distintas áreas de goberno que existen en calquera concello e póñense mans á obra tentando levaran a cabo o que prometeron nas súas campañas electorais correspondentes.
Pero agora pensemos nos restantes 6.000 veciños que deron o seu voto as demais forzas políticas que se presentaban. Obviamente aceptaban as ofertas electorais que estes partidos lles ofrecían. Non imos entrar na análise de se eran mellores ou peores que as dos partidos que conseguiron formar goberno. Non trato aquí de analizar ofertas, soamente de reflexionar sobre os comportamentos das forzas políticas unha vez rematadas as eleccións e unha vez que se conforme un equipo de goberno.
Existe a costume de aceptar democraticamente a ese equipo gañador. Non podía ser doutro xeito se nos consideramos demócratas respectuosos coas leis electorais existentes, aínda que poidamos, dende un punto de vista intelectual, discrepar dos seus contidos e pretender certas modificacións que vaian sempre na liña de mellorar a representación dos cidadáns. O que se pretende aquí e preguntarse polas preferencias dese 44%, por poñer unha cantidade, de veciños que votaron propostas diferentes, aínda que non tanto no fondo como na maneira de realizalas. Todos eses votantes, ao meu xuízo, deben ser tidos en conta polo partido ou partidos que conformaron o goberno correspondente. Son cidadáns que teñen unha visión da realidade na que viven que non sempre coincide coa perspectiva do equipo de goberno. Así o demostraron votando outras opcións políticas pero isto non pode se óbice para que durante catro anos as súas opinións non sexan tida en conta en ningún caso. Iso de que “os veciños votáronnos para que gobernaramos como dixemos nas eleccións”, esconde un certo ton ditatorial. Unha cousa é a legalidade e outra moi distinta a realidade social sobre a que os gobernantes teñen que incidir.
Cando eu afirmo que a Oposición tamén goberna estoume referindo a estes miles de votantes que apoiaron outras forzas políticas pero que non poden ser condenados sen remedio a vivir baixo os únicos criterios dun grupo de persoas, chamémoslle “goberno de turno”, que non ten en conta para nada as súas opinións.
“Cando eu afirmo que a Oposición tamén goberna estoume referindo a estes miles de votantes que apoiaron outras forzas políticas pero que non poden ser condenados sen remedio a vivir baixo os únicos criterios dun grupo de persoas, chamémoslle ‘goberno de turno’, que non ten en conta para nada as súas opinións”
Xa sei que me dirán que a Oposición pode presentar propostas, enmendas , etc, etc., pero tamén sei que cando un grupo de goberno ten maioría o 99,99 % desas propostas ou alegacións son anuladas polo rodillo do goberno. Ás veces lemos que os gobernantes ofrecen aos veciños un correo electrónico para que opinen sobre unha determinada cuestión que lles vai afectar. Logo, pasado algún tempo, e se alguén lle leva a contraria, dirán que unha moi alta porcentaxe de veciños estivo de acordo coas propostas e así o fixeron saber por internet. Ben, todos sabemos como se expresan os nosos veciños e como se manexan, sobre todo os maiores de 60 anos, por exemplo, nas redes sociais. Non sería máis democrático visitar unha parroquia, por exemplo, cando algunha decisión do equipo de goberno lles vai afectar e, alí, reunidos na Casa de Cultura (practicamente todas as parroquias teñen unha) exporlles o que se pretende facer escoitando as opinións dos que van ser afectados pola medida? Poden ser votantes de partidos que están na Oposición pero tamén poden ser votantes dos propios partidos de goberno. Tal vez, explicando así, en “petit comité”, permítanme a licencia, os gobernantes se fixeran unha idea máis axeitada de como lle vai afectar a vida destes cidadáns.
Estou pensando nunha medida moi concreta como é a que determina un Plano de Urbanismo, recentemente aprobado, por fin. Estou seguro que se aos veciños das parroquias se lles explicara como foron repartidas as futuras licencias de construción de vivendas entre o rural e o Centro Urbano o goberno tería outra visión diferente; optaría por permitir construír casas no rural e non no Centro Urbano.
A razón é moi sinxela. No rural o que mais e o que menos dispón duns terreos que lle puideran permitir que un fillo/a se construíra a súa propia vivenda cuns costes moito mais baixos, por suposto.
A xente pode chegar a pensar que deixar as parroquias se posibilidade de mais asentamentos pode obedecer a razóns que non queremos explicitar. A idea bule nas cabezas da xente, faise preguntas porque se ve incapaz de axudar aos seus retoños cando podería facelo con outra interpretación das normas.
Pero deixemos por hoxe este tema. No futuro poderemos concretar máis cousas que ocorren ao nos redor e que sen que foran anuladas poderían ser doutro xeito.
Saúdos e cóidense.