Despois de ler a carta que publicou o Sr Alcalde das Pontes o pasado día 6, sobre o desmantelamento de Endesa, vese que perdeu ese carisma conciliador que parecía ter, para transformarse no clásico político demagogo e que utiliza a mentira para conseguir os seus fins, máis propio dos políticos ultras.
Polo intre ten sorte de contar con algúns medios, ós que ó longo do ano o Concello os sufraga con moita propaganda, e de unhas asociacións bastante domesticadas, e que derradeiramente non se ve que teñan unha gran actividade, defendendo por exemplo, os problemas sanitarios que padecemos, a falta dunha residencia pública para maiores, e sobre todo a decadencia que sufrimos en canto a emprego e poboación. Incluso algunha asociación, como a dos camioneiros, sae en defensa do Sr. Alcalde non só para defender o traballo dos asociados, cousa que sen ningún xénero de dubidas todos compartimos, senón para poñerse tamén a facer demagoxia contra outro grupo da oposición.
Porque é demagoxia dicir que o plan que algúns pensan para as instalacións de Endesa e Alcoa e só un museo industrial. Reclamar, que cando se faga o desmantelamento de Endesa, permaneza nas Pontes a chimenea como o maior símbolo industrial desta Vila, o parque de carbóns, que pode utilizarse para outros destinos industriais, e outros edificios que tamén poderían ser útiles para diferentes fins, non impide para nada que no resto do chan agora ocupado por Endesa se poidan poñer outras industrias, unha vez preparado, o que, por certo, se debía facer canto antes. Simplemente pódese ir a Ponferrada e moitos outros lugares e comprobar como se restaurou unha antiga central e a de Compostilla, e seguíronse facendo empresas a carón deses lugares.
“Porque é demagoxia dicir que o plan que algúns pensan para as instalacións de Endesa e Alcoa e só un museo industrial”
E curioso como o Sr. Alcalde cando tiña ideas museísticas, vendía continuamente que se ía facer o museo da Mina e inmediatamente se ían construír uns portais de entrada en Saa e Espiñaredo. Todo iso, como outras cousas so era fume. Tamén prometeu un parque tecnolóxico para o que se compraron terreos, mais o certo é que no seu mandato, -17 anos-, non se incrementou un so metro o chan industrial das Pontes.
Os proxectos que ata o de agora se di que se van facer nas Pontes, ningún vai no solar que ocupa a Central Térmica, si se fixera o de Ence, iría no parque de carbóns da mina. Tamén é mentira, e o Sr. Alcalde o sabe, que si se deixan en pe a chimenea e outras instalacións, o mantemento é insostible para o Concello. Ese gasto en moito tempo é ínfimo, e como outro patrimonio o seu mantemento pode e debe ser pagado por Endesa e a Xunta, ou incluso ser unha fonte de ingresos, si se sabe xestionar, como pasa noutras moitas zonas como vimos nunha recente exposición na Casa Dopeso.
As Pontes é un lugar inmellorable para as industrias, pois ten, auga, vento, posibilidade de chan industrial e persoal cualificado. Ninguén se pronunciou en contra das industrias anunciadas, o revés, moitos pensamos que non se pelexou dabondo dende o Concello para traelas.
Tampouco ninguén se opón a enerxía eólica, sendo As Pontes xa unha potencia nesa enerxía, polo número de eólicos instalados e sobre todo pola súa produción, ó que si nos opomos moita xente, e que se sigan poñendo aeroxeradores, que son pozos de petróleo eternos, por empresas colonialistas, sen consenso cos Concellos e veciños e sen repercutir economicamente practicamente no país, incluso pechando nestes anos empresas que construían eses eólicos. A comunidade de Madrid non ten ningún eólico e ten moitísimas máis empresas que Galicia. E unha solemne mentira dicir que Alcoa pode pechar por falta de eólicos, cando xa Galicia exporta o 45 % da electricidade que produce. Porque o Goberno non inviste nela como fai en Telefónica, pois mesmamente é unha empresa de interese nacional?
Se un enorme almacén de Amazón se instala en Aragón, non é que esa comunidade teña máis produción eólica que Galicia, posiblemente sexa que o Psoe aragonés, saiba moverse en Madrid moito mellor co Psoe galego, do que por certo o Sr. Alcalde das Pontes, ata fai pouco, era o seu máximo responsable.