O Parlamento Europeo, sen ser único titular da potestade lexislativa e orzamentaria na Unión Europea (que partilla co Consello Europeo integrado polos Gobernos dos 27 Estados Membros) foi gañando nos últimos anos competencias de codecisión nese ámbito ademais da capacidade de control da Comisíon Europea, que constitúe o órgano de iniciativa lexislativa e xestión do día a día da Unión. Neste contexto ten competencias para nomear á persoa que presida a Comisión e para cesar ao conxunto da mesma, a medio dunha moción de censura.
Velaí a importancia para unha nación sen Estado como Galicia, privada de representación de seu no Consello Europeo e da capacidade de propor comisarios membros da Comisión Europea, de contar con representación de seu no Parlamento Europeo, Canda Ana Miranda, eurodeputada do BNG, só dous galegos preséntanse en postos de saída nas candidaturas do vindeiro 9-X: Millán Mon (PP) e González Casares (PSOE). Os dous con experiencia previa.
Os dous, independentemente das súas respectábeis intencións ou sentimentos, integrados nos Grupos Popular e Socialista do PE como eurodeputados españois traballando e votando polos intereses chamados “de Estado” que, por mor da moi diferente estrutura sectorial económica e poboamento do territorio, case nunca adoitan ser os intereses galegos. Velaí á representación do PSOE votando moi recentemente excluir a conexión por alta velocidade ferroviaria Lisboa-Porto-Galicia da rede básica /(que haberá estar operativa no 2030) para integrala na rede básica ampliada (que non tem porque estar operativa até 2040).
“Nas últimas tres lexislaturas Ana Miranda desenvolveu un labor que vai moito máis aló da representación dos intereses do soberanismo galego perante o PE”
Nas últimas tres lexislaturas Ana Miranda desenvolveu un labor que vai moito máis aló da representación dos intereses do soberanismo galego perante o PE, ao abranguer ao conxunto dos intereses de País, sen mirar pola fasquia ideolóxico-política das persoas afectadas ou propoñentes . Com esta única representación o seu rol foi fulcral en cuestións de visibilización de axenda e facilitamento de solucións ou alternativas como a crise de Alcoa, o saneamento da ría do Burgo na Coruña, o escándalo da venda fraudulenta de preferentes e subordinadas polo sistema bancario español, a necesidade dunha investigación independente do accidente do Alvia de xullo de 2013, a defensa dos intereses da nosa pesca ou a mellora para Galicia dos fondos estruturais e de cohesión.
Nesta lexislatura, ademais, vaise requirir esa voz galega na Europa para obter un compromiso europeo que evite que só uns territorios produzan electricidade e outros a consuman, sen compensacións para os primeiros ou que uns territorios estean destinados á simple extracción de recursos (mineiros, forestais) e non á súa transformación, como afirma o economista galego Marcelino Fernández Mallo.
Cómpre tamén lembrar que a candidatura de Miranda é totalmente galega e así vai ficar amosado nas candidaturas das mesas electorais do 9-X. A coalición técnica di BNG con outras forzas soberanistas doutros países do Estado é puramente instrumental, esixida pola abusiva lexislación estatal que para beneficiar ás forzas unionistas impuxo unha circunscrición única para todo. E que a representación de Ana Miranda no PE está garantida en réxime de total autonomía e independencia ao abeiro dos pactos constitutivos da devandita coalición instrumental.