O agarimo con que se está a recibir cada presentación do libro de Xosé Mª Álvarez Cáccamo logra acender novos fachos noutras vilas e cidades. Tras a súa presentación no Val Miñor, Tui e Pontevedra, agora a Casa de Montes de Santa Cristina de Cobres (Vilaboa) acollerá outra velada para falar co autor e coñecer de primeira man o feixe de historias duras, pero nosas, acubilladas nas páxinas de A voz quebrada. Da memoria histórica e o terror fascista. Será este venres 13 de xuño, ás 21 horas e ademais do autor contarase coa presenza de Luis G. Bará e o mestre e escritor Miguel Anxo Mouriño (IEM). O acto está organizado polas asociacións A Regaduxa, Memoria Histórica de Vilaboa e Vilaboa Comunicacións.
Da obra
Tirando da “memoria de poeta” en palabras de Xosé Manuel Beiras, prologuista do libro, Cáccamo percorre dende as súas vivencias como membro dunha familia de represaliados, os tempos do terror franquista dende a sublevación do 36 até a morte do ditador. Período histórico marcado pola execucións tras xuízo sumarísimo do seu avó, o médico republicano de Tui, Darío Álvarez Limeses e o asasinato de Alexandre Bóveda, sobriño deste. O sufrimento familiar continuou co desterro do seu pai Xosé María Álvarez Blázquez e á cadea do seu tío, Darío Álvarez Blázquez. “En Tui –sinala o autor- unha voz bestial pronunciou esta sentenza: <>, a miña”.
Do autor
Xosé María Álvarez Cáccamo (Vigo, 1950) poeta e crítico literario, publicou tamén obra narrativa e teatral, así como literatura para crianzas. Ocúpase ademais na creación de poemas obxectuais e visuais, expostos con regularidade dende o ano 2007. A reivindicación da memoria histórica das vítimas do terror franquista imposto en 1936 exprésase con frecuencia a través da súa obra literaria, xornalística e oratoria.