A XIV edición da Primavera de Portas Abertas arrinca en maio

Turismo de Galicia presentou a programación que se desenvolve en colaboración coas cinco rutas do viño

Santiago de Compostela | A Primavera de Portas Abertas nas Rutas dos Viños de Galicia celebra unha nova edición, confirmando a aposta de Turismo de Galicia polo enoturismo e as propostas singulares e auténticas. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou este mércores na presentación da 14 edición desta iniciativa, que está organizada pola Xunta de Galicia en colaboración coas Asociacións das Rutas dos Viños das cinco Denominacións de Orixe galegas: Monterrei, Valdeorras, Rías Baixas, O Ribeiro e Ribeira Sacra. No acto tamén participou o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), Martín Alemparte.

Cada unha destas denominacións será protagonista nunha das fins de semana de maio. Así, a Ruta do Viño de Monterrei amosará a súa oferta do 2 ao 4 de maio, mentres que a de Valdeorras o fará do 9 ao 11. As adegas das Rías Baixas centrarán o interese entre o 16 e o 18. A Ruta do Viño de Ribeira Sacra percorrerase do 23 ao 25. Pecha o calendario a Ruta do Viño O Ribeiro, con actividades 30 e 31 de maio e 1 de xuño.

Nesas datas, as persoas que se acheguen a cada destino poderán coñecer as 62 adegas participantes, a través das visitas guiadas e gratuítas ás instalacións. Ademais, hai distintas propostas de actividades, como catas e degustacións, visitas a museos e centros de interpretación relacionados coa viticultura, rutas históricas ou pola natureza, paseos en barco, obradoiros, concertos etc.

Repiten os Buses do Viño, con 35 itinerarios en total e saídas desde Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña, Ourense, Pontevedra, Lugo, Ferrol e Ponferrada. A programación completa está dispoñible a través da páxina de Turismo.gal.

Enoturismo
Durante a súa intervención, Xosé Merelles salientou que “o turismo enolóxico constitúe un dos eixos de traballo claves para Turismo de Galicia no que respecta á diversificación da oferta do destino” na medida en que inclúe actividades en distintas localidades da Comunidade. Ademais, destacou que o gasto medio diario asociado ao turismo gastronómico para 2023 cifrábase en 112,5€, o segundo que máis inversión involucra.

Neste sentido, destacou ademais, que Turismo de Galicia está a implementar o Plan territorial de sostenibilidade turística de enogastronomía de Galicia 2023-2025, dotado con 34,5M€, que ten como obxectivo posicionar a rexión como destino enogastronómico de primeiro nivel. Neste contémplanse 11 Plans de Sustentabilidade Turística en Destino, algúns dos que, precisamente, están ligados a municipios pertencentes ás distintas denominacións de orixe de viños, como o PSTD Valdeorras, Ruta do Viño Milenaria, o PSTD Ribeiro – O Carballiño, ou o PSTD Condado Paradanta Destino Enogastronómico.

Ademais, “a Estratexia de Turismo de Galicia 2030 contempla o enoturismo como unha ferramenta a través da que articular propostas diferenciais”, avogando pola colaboración e a acción coordinada coas cinco rutas do viño de Galicia para reforzar a xeración de experiencias turísticas.

Desestacionalización
A mesma Estratexia fai da desestacionalización da demanda un dos obxectivos da Xunta, ao que apunta a organización da Primavera de Portas Abertas en maio. En 2024, este mes experimentou un incremento do 15,1% no número de visitantes con respecto ao mesmo mes de 2023, a maior suba rexistrada en todo ese ano.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.