O Carballiño | O colectivo Brais Pinto foi o protagonista da XIV edición da Festa da Palabra, celebrada na Insua dos Poetas (na Esgueva, Madarnás no Carballiño). Un proxecto “singular, plural, máxico e real”, segundo resaltou o presidente da Deputación, Manuel Baltar, durante un acto organizada, como cada ano, pola Fundación Insua dos Poetas e a Deputación de Ourense co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura.
Á reivindicación de Brais Pinto sumouse a inauguración dun conxunto escultórico de tres pezas realizadas polo artista ourensán Ramón Conde. “Con estas pezas, Brais Pinto incorporase á Insua dos Poetas”, felicitou Manuel Baltar, agradecendo a presenza no acto de Ramón Lorenzo, catedrático emérito da Universidade de Santiago e membro do colectivo homenaxeado nesta edición.
Ramón Lorenzo, falando como representante do grupo, agradeceu o recoñecemento: “Creo que fomos un grupo importante na cultura galega e é importante que se lembre neste tempo”. Pola súa banda, Xosé Luís Méndez Ferrín, que non puido acudir ó acto, enviou un texto -lido polo presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar- no que puxo en valor o traballo do colectivo Brais Pinto, “un renacemento inesperado da cultura galega” en plena ditadura franquista.
Durante a Festa da Palabra entregáronse os premios Insua dos Poetas 2022, que recaeron no músico e fundador de Luar na Lubre, Bieito Romero -música-; o escritor Ramón Caride -literatura-; o arqueólogo, historiador e secretario da Academia de Belas Artes de Galicia, Felipe-Senén López Gómez -en investigación e promoción cultural; o Festival de Teatro Galego (Fetega) “Celso Parada” -recibiu o premio Carlos Ledo, director teatral e actual presidente deste festival-; a crítica de arte e curadora de exposicións Pilar Corredoira -artes plásticas-; o programa da TVG “Cos pés na terra” -recolleu o premio na modalidade de cultura rural Susana Martínez, da produtora-; e o membro do Grupo Nós da Arxentina, fundador e expresidente do Centro Galicia de Bos Aires, José María Vila Alén -cultura na emigración-. Todos recibiron unha peza orixinal do escultor Acisclo Manzano, recentemente galardoado coa Medalla de Ouro da provincia de Ourense.
O presidente da Fundación Insua dos Poetas, o poeta Luís González Tosar, abriu o acto agradecendo o apoio da Deputación celebrando a consolidación dun evento que o ano que ven celebrará o seu 15 aniversario.
Unha edición que, avanzou González Tosar, estará adicado ó poeta lugués Arcadio López Casanova. “Unha das voces máis representativas da lírica galega”, segundo sinalou o presidente da Fundación Insua dos Poetas.