Santiago de Compostela/PSdeG | A xornalista viguesa Noelia Otero tomou posesión como nova deputada do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia para substituír á deputada Isaura Abelairas, quen faleceu hai tres semanas logo dunha longa enfermidade.
“Otero concorreu ás pasadas eleccións autonómicas no número 6 da candidatura socialista pola provincia de Pontevedra como independente”
Licenciada en Xornalismo pola Universidad Antonio Nebrija e con título de especialista en Información Internacional e Países do Sur pola Universidad Complutense de Madrid, Otero concorreu ás pasadas eleccións autonómicas no número 6 da candidatura socialista pola provincia de Pontevedra como independente.
Cunha acreditada traxectoria profesional, Otero comezou a súa carreira en Onda Cero Vigo, onde traballou entre 2004 e 2005. Despois desta experiencia, exerceu como editora e locutora, durante dez anos, en Radio Vigo-Cadena SER.
A continuación, incorporouse como directora e presentadora de diversos programas en Televisión de Galicia, a través de Produtora Faro, cargo que exerceu durante tres anos, para máis tarde dar o salto á televisión nacional ao incorporarse a Telecinco como reporteira xornalista en El Programa de Ana Rosa, a través da produtora Unicorn TV.
Noutra orde de cousas, en 2020, traballou como directora e coordinadora do Laboratorio de Ideas do PSdeG. E, o último ano, volveu á televisión para codirixir o programa Las Cosas Claras de Televisión Española.