A xuízo en Ourense por un delito leve de danos a un valo publicitario

As dúas partes recorreron á ideoloxía para atacarse ou defenderse

Ourense | Unha multa de 600 euros e 230 máis en concepto de responsabilidade civil polos danos causados en xuño de 2023 a unha lona publicitaria coa mensaxe “Bienvenido a Ourense, cidade que en galego chámase Ourense”, é a pena que solicitou o letrado que representou a “Falemos español” contra os dous mozos acusados de vandalizarla, Lucas Xabier V. e Irene L., por un delito leve de danos.

A representante do Ministerio Público exonéraos ao entender que non son danos senón en todo caso coaccións (delito de ámbito privado) mentres que o avogado Xoán Antón Pérez Lema solicitou á xuíza de Instrución 2 a súa absolución pola inexistencia de proba de cargo.

A acusación que exerce a asociación que preside Gloria Lago susténtase nun vídeo dunha gasolineira próxima da avenida de Santiago no que se ve un coche e baixar a dous mozos que, segundo a Policía Nacional, eran os acusados, aínda que ningún axente foi chamado á vista oral para confirmar ou desmentir.

Para Pérez Lema, avogado dos acusados, a denuncia ten “finalidade ideolóxica” e a parte denunciante esgrimiu un motivo similar á hora de buscar un porqué á acción vandálica. Segundo o letrado da acusación, Lucas presentouse nas listas do BNG no Concello do Saviñao. O acusado aclarou que foi como independente no Concello de Pantón.

Lucas foi o único que asistiu ao xuízo porque Irene estaba de exames e o tipo de pena non obriga á asistencia á vista oral. O mozo acolleuse ao dereito a non responder as preguntas das partes, pero aproveitou o dereito á última palabra para aclarar que se chama “Xabier non Javier”, que non concorreu nas listas do BNG e que é membro da Mesa desde 2018 e Irene desde 2024.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, asegurou que este tipo de campañas con topónimos deturpados son un ataque á dignidade colectiva de Galicia que tamén cometen, mesmo, organismos públicos.

Na foto, membros da Mesa Pola Normalización Lingüística concentrados diante do edificio xudicial do Couto en apoio dos imputados.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.