Lugo | O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou, na súa visita ao Hospital de Monforte, que a Xunta de Galicia vén de adxudicar, por un importe de 1,4 milllóns de euros, e un tempo estimado de seis meses, a reforma do hospital de día oncohematolóxico e do hospital de día polivalente, así como a ampliación da área de farmacia do Hospital Público de Monforte.
Fixo este anuncio no acto de presentación, aos profesionais sanitarios de Inmaculada Ramos, como nova directora do distrito sanitario de Monforte, de quen o conselleiro destacou a súa dilatada experiencia profesional en diferentes hospitais públicos. No acto estiveron presentes, así mesmo, o delegado territorial da Xunta, Javier Arias Fluz, e o xerente da área sanitaria, Ramón Ares Rico.
O conselleiro destacou que a nova xerente ten por diante un dobre reto. Por un lado, continuar consolidando a integración asistencial entre a atención primaria e a hospitalaria, e, por outro, dirixir o proceso da reforma integral do edificio. Así mesmo, o conselleiro agradeceu ao antigo xerente, Iván Sanz, o labor desenvolvido nestes máis de tres anos.
Con este novo paso, -dixo García Comesaña-, o hospital de día oncolóxico e o hospital de día polivalente, que pasarán a situarse no segundo andar do centro, verán ampliada a súa superficie dos 160 metros cadradros actuais aos 337. Ademais dos servizos complementarios albergarán, entre os dous, 14 postos de tratamento, 3 locais de illados e 3 consultas médicas.
Pola súa banda, o servizo de farmacia tamén verán aumentadas as súas dimensións, chegando a ocupar un espazo de ao redor duns 255 metros cadrados.
Mellora substancial
Tal e como referiu o conselleiro, con esta reforma, o Servizo Galego de Saúde dará un salto cualitativo na atención hospitalaria deste distrito, xa que representa unha mellora substancial en canto ás instalacións actuais. O que se pretende, -destacou García Comesaña-, é gañar en funcionalidade, nunha mellor atención e asistencia ao paciente, e, ademais, dotar ao persoal de mellores instalacións e medios.
Segundo o titular da carteira sanitaria, unha vez que se proceda á sinatura do contrato, que será nos vindeiros días, estarase xa en disposición de iniciar a obra, que se levará a cabo sen que a actividade do centro se deteña, e garantindo que ningún paciente teña que desprazarase a outro hospital.
Reforma integral
O conselleiro destacou que estas obras non son unha actuación illada, senón que se inclúen nunha iniciativa maior e global, que é a renovación integral do Hospital Público de Monforte, e que permitirá reordenar, reformar e modernizar uns 10.000 metros cadrados, e que abarca á maioría dos servizos e áreas.
O máximo responsable sanitario galego remarcou que, logo da adxudicación de hoxe, os seguintes pasos serán a licitación do equipamento electromédico, precisamente de farmacia, para o que se prevé un investimento de preto de 200.000 euros; e o inicio da reforma das áreas de hospitalización.
O conselleiro sinalou que, todas estas reformas, enmárcanse dentro da aposta do Goberno galego polos hospitais comarcais, dando así unha mellor cobertura sanitaria ás súas áreas de referencia. Deste xeito, nos últimos 11 anos, a Xunta leva actuado en todos os hospitais comarcais da rede do Sergas, sendo o investimento total de todas estas iniciativas de mellora de máis de 32 millóns de euros.