Lugo | A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda achega 25.100 euros á Sociedade Protectora de Animais e Prantas de Lugo a través da nova liña de axudas para colaborar con entidades inscritas no Rexistro galego de asociacións para a protección e defensa dos animais de compañía.
O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, visitou as instalacións da Protectora en Santa María de Muxa, onde explicou que a Xunta contribúe a sufragar gastos deste tipo de colectivos derivados do coidado e atención dos animais aloxados nos seus centros.
Abónanse custos de esterilización cirúrxica dos exemplares que tutelan; a identificación dos mesmos mediante implantación de microchip, a inscrición no Rexistro galego de identificación de animais de compañía (Regiac) e a expedición do pasaporte sanitario. A Xunta tamén axuda á compra de alimentos, a vacinación preventiva, a desparasitación e outras medidas profilácticas.
Ademais, concédense fondos para realizar campañas de concienciación, promoción da tenza responsable e fomento das adopcións, así como para comprar material non funxible co fin de dotar aos centros que xestionan este tipo de entidades dos medios necesarios para atender aos animais.
“Trátase dunha das liñas de acción do Goberno galego para garantir a protección e defensa dos animais domésticos abandonados”, dixo Arias, quen apuntou que hai outra orde de subvencións dirixidas ás administracións locais, como responsables da recollida e acollemento e da xestión das colonias felinas. No caso da provincia de Lugo, esta convocatoria beneficiou ao concello de Ribadeo, que recibe unha achega de 5.650 euros.
O delegado incidiu en que as dúas ordes deste ano ampliaron de forma notable o abano de gastos subvencionables con respecto ás tres convocatorias anteriores e lembrou que a Administración autonómica leva mobilizado desde 2017 un orzamento global de máis dun millón de euros para atender os coidados e necesidades dos animais abandonados. Ao tempo, mantén campañas de sensibilización sobre a tenza responsable de mascotas e loita contra o abandono.
Arias lembrou que hoxe se celebra o Día Internacional dos Dereitos dos Animais e apuntou que o municipio de Lugo destaca polo seu elevado censo canino.
No Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía constan 20.482 cans inscritos na cidade, e no conxunto da provincia a cifra ascende a 100.077.