Verín | O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participaron na xornada 2022: Ano Europeo da Xuventude, organizada pola Fundación Galicia Europa na sede da Eurocidade Chaves-Verín.
O obxecto principal desta iniciativa foi alentar á xuventude con menos oportunidades a converterse en cidadáns activos e actores dun cambio positivo, así como promover e fomentar as oportunidades que a Unión Europea ofrece para que a mocidade galego-portuguesa poida acadar un maior desenvolvemento persoal, social e profesional.
Formaron parte da xornada profesionais especializados en políticas e programas comunitarios de Galicia e do Norte de Portugal, xestores e promotores, e tamén máis de 50 mozos e mozas, emprendedores e empresarios da comarca, así como representantes de entidades relacionadas coa xuventude e a Unión Europa.
Jesús Gamallo avogou por apoiar as capacidades persoais que a mocidade das zonas rurais posúe e poñelas en valor ante o pequeno empresariado do lugar, así como convidar á mocidade a desfrutar das oportunidades que a UE presenta no Ano Europeo da Xuventude.
Neste sentido valorou positivamente este novo proxecto que aborda a transformación dixital e capacita aos mozos, as pemes e as institucións transfronteirizas; e ademais vai mellorar as capacidades formativas, profesionais e un mellor coñecemento das ferramentas dixitais cunha relevante integración nas súas comunidades locais.
O director xeral rematou a xornada sinalando que “sen contar coa xuventude non é posible avanzar no proxecto europeo e non só porque a mocidade son o futuro de Europa, senón tamén porque as grandes transformacións en marcha como a verde e a dixital e os novos desafíos requiren de ideas novas no ámbito propio da xuventude”.
Pola súa banda a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, resaltou o compromiso da Xunta de Galicia co impulso da mocidade para fomentar o seu talento, a súa formación ou o acceso ao mercado laboral.
Loou a xornada levada a cabo na Eurocidade baixo a Efeméride do Ano Europeo da Xuventude, que se celebra neste 2022. Trátase dunha oportunidade para continuar mellorando os recursos, instrumentos e a información ao servizo da xuventude para fortalecer o seu futuro. Recordou que se están a levar a cabo os traballos para elaborar a nova Estratexia para a mocidade galega 2022-2027.