A Xunta confirma as razóns da oposición de Esquerda Unida ao PXOM

Ponteareas/EU | O pasado venres, Lino Costas, concelleiro de EU, participou xunto con portavoces dos outros grupos municipais de Ponteareas nunha xuntanza coa directora xeral e varios membros da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

 

No transcurso da reunión, dende a dirección xeral de ordenación, manifestaron que a capacidade residencial contemplada no PXOM de Ponteareas excede ás necesidades de acordo coa evolución da poboación do Concello, xa que a poboación está estancada e non se prevén cambios ao respecto. Consideran, tal e coma advertía ESQUERDA UNIDA, que o incremento previsto de novas áreas urbanizables non está xustificada, polo que para a aprobación definitiva do PXOM, será necesario reducir dito incremento ao estritamente necesario. E isto tanto para o solo urbanizable coma para o núcleo rural.

Con respecto ao solo industrial da Lomba, dende a Dirección Xeral, coinciden tamén co exposto por EU no sentido de que non está xustificada a necesidade de incluír no plan unha superficie de máis de 600 mil metros cadrados, o que por outra banda, triplica o contemplado no Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia. ESQUERDA UNIDA sempre defendeu que, aínda estando de acordo na necesidade de regularizar as empresas que están actualmente instaladas fora do planeamento e da reserva de solo para novas empresas, a superficie contemplada no PXOM era excesiva e non xustificada nunha demanda de solo.

Dende a Dirección Xeral de Ordenación manifestaron que aínda que están dispostos a negociar e corrixir a súa postura no caso de existir algún erro no seu informe, non van a “regatear” o mesmo, polo que en xeral, as súas esixencias de redución de zonas urbanizables terán que terse en conta no PXOM para a súa aprobación definitiva.

Esta decisión terá tamén consecuencias no que respecta ás alegacións presentadas pola veciñanza ao PXOM. Deste xeito, moitas das alegacións que no seu momento foron aceptadas e integradas no documento que foi aprobado provisionalmente e enviado a Urbanismo, veranse de facto rexeitadas no documento do PXOM que se aprobe definitivamente.

Cuestión aparte, son as alegacións que aínda sendo aceptadas polo equipo redactor, non foron incluídas no documento e que agora o Concello pretendía incluír coma “corrección de erros”. Con respecto a estas últimas, dende a Xefatura xa indicaron que no que supoña un cambio na clasificación do solo, non serán aceptadas en ningún caso. Algunhas outras, coma a rexistrada por EU na que se solicitaba desbotar actuacións urbanizadoras (parque urbano) no entorno do río Tea, nin sequera foron contestadas.

Aínda así, dende a Xefatura insistiron en que non sería necesaria unha nova exposición pública, cuestión acollida con entusiasmo por case todos os representantes do concello presentes na reunión. Pola contra, e dadas as implicacións que as modificacións que se farán no documento do PXOM terán para a veciñanza, ESQUERDA UNIDA si que considera necesaria esta nova exposición.

EU considera que todas estas dificultades para que Ponteareas conte cun Plan Xeral de Ordenación Municipal, son a consecuencia de elaborar un plan cuxas directrices políticas foron as de incrementar a nova construción a toda costa e sen ter en conta as consecuencias ambientais e sociais das mesmas. Políticas estas, lembremos, compartidas por todos os grupos municipais que apoiaron a aprobación provisional do PXOM de Ponteareas.