A Xunta de Galicia cofinancia as obras que reactivarán a Praza de Abastos de Ourense

O Goberno galego desbloqueará o retorno dos praceiros e reabrirá esta infraestrutura con todas as garantías

Ourense | José González, conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, manifestou que o Goberno galego destina unha partida específica de 1 M€ nos orzamentos de 2025 para cofinanciar as actuacións que reactivarán a Praza de Abastos nº1 de Ourense. Trátase dun paso máis dentro do compromiso da Xunta para desbloquear o retorno dos praceiros e reabrir canto antes esta infraestrutura con todas as garantías para os comerciantes e a cidade.

Unha cuestión, subliñou, na que o Goberno de Galicia traballa en colaboración do Concello e cos comerciantes e que desembocará na reapertura deste espazo emblemático, transformado nun mercado excelente.

Neste ámbito, fixo fincapé na aposta da Xunta por estes espazos que terán un importante papel dentro do novo Plan estratéxico do comercio local galego, que se presentará no primeiro trimestre do 2025.

Apoio ao emprendemento
Unhas apostas nas que a provincia de Ourense ten a súa cota importante de protagonismo e coas que tamén se dará pulo aos polos de emprendemento, investindo preto de 500.000 euros nos catro que están activos na provincia -Carballiño, Verín, Molgas e O Barco-.

O conselleiro sinalou que se implementarán novas medidas de apoio aos emprendedores vencelladas a esta rede, co foco especialmente posto no noso rural.

Outro vínculo deste ámbito con Ourense é o plan que o Executivo galego ten en marcha ao abeiro desta rede para impulsar a modalidade de colivings co fin de atraer talento de nómades dixitais e que ten un núcleo en Sende (Lobeira). Na foto o conselleiro coas placeiras da Praza de Abastos número 1 de Ourense.