A Xunta de Galicia constata que “é posible” recoller os sacos de pellets en Alta Mar

Tras recuperar sendos sacos en O Grove e Camariñas

Santiago de Compostela | A Xunta de Galicia instou hoxe ao Goberno central a que actúe canto antes e poña os seus medios marítimos a rastrexar a costa galega para recoller os sacos de pellets perdidos polo mercante Toconao en augas portuguesas, unha vez que a recuperación dun deles nun polígono bateeiro do Grove e doutro en Camariñas constatan que é posible e factible realizar esta operación.

O Executivo galego celebrou, hoxe, unha nova reunión do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Camgal) para analizar a situación do episodio e coordinar os traballos na que participaron a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares.

A maiores, nesta ocasión estiveron presentes o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, xunto con dous técnicos, para reforzar a colaboración entre administracións ao tratarse dun asunto de interese xeral.

A Xunta trasladou ao representante do Executivo nacional a necesidade de que mobilice os seus medios con celeridade para minimizar na medida do posible a chegada de residuos plásticos ás praias nos próximos días. “É moi importante rescatar os sacos que poidan estar flotando pois segue habéndoos cheos e hai que evitar que rompan e se espallen os pellets por todo litoral”, incidiu Ángeles Vázquez.

A vicepresidenta segunda agradeceu a vontade de colaboración trasladada tanto polos representantes do Goberno central como dos concellos e confiou en que esa vontade se traduza pronto nun traballo intenso tanto en terra como no mar para atallar canto antes o episodio de chegada dos pellets.

Ángeles Vázquez detallou que o dispositivo despregado pola Administración autonómica contou hoxe con preto de 300 efectivos que actuaron en 40 areais de 30 concellos. Este operativo permitiu retirar nos últimos días “o equivalente a algo máis de 42 sacos de pellets”.

A representante do Executivo galego destacou que só na xornada de onte os medios mobilizados pola Xunta “retiraron das praias o equivalente a 18 sacos, así como preto de 700 quilos doutros materias plásticos” existentes nas zonas de actuación que se almacenaron por separado.

Protocolos
A vicepresidenta segunda tamén informou de que na web do Plan Camgal “están dispoñibles os protocolos de actuación tanto para os concellos como para o persoal contratado e os voluntarios -que foran elaborados anteriormente e xa trasladados desde o primeiro momento aos implicados-, co obxectivo de optimizar a coordinación dos traballos e a xestión do material retirado das praias”.

Neste sentido, lembrou que é moi importante que os interesados en colaborar como voluntarios se poñan en contacto cos concellos nos que pretenden actuar para optimizar os traballos. Así poden organizarse as zonas de limpeza, o xeito de realizar ese labor e onde depositar o material recollido en coordinación directa coas administracións locais correspondentes.

Neste sentido, é especialmente sensible o caso das limpezas en áreas protexidas desde o punto de vista ambiental, nas que se precisa autorización previa para intervir e nas que é preciso extremar as precaucións para non danar os valores destas áreas e seguir as recomendacións oportunas para protexer os ecosistemas.