Ourense | A Xunta de Galicia adquiriu tres parcelas en Ourense para construír preto de 70 vivendas de promoción pública que se destinarán ao alugueiro para familias con ingresos inferiores a 2,5 veces o IPREM (20.265 euros anuais aproximadamente), segundo anunciou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.
Durante a visita que realizou aos terreos, que foron adquiridos á Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb), Ángeles Vázquez explicou que este proxecto será realidade grazas a un investimento de case 12 millóns de euros, dos que algo máis de 1 millón se destina á compra das parcelas e preto de 11 millóns á construción de tres inmobles. Ademais, esta actuación contará tamén con fondos europeos (50.000 euros por vivenda). A previsión da Xunta é poder licitar o contrato de redacción do proxecto no primeiro trimestre de 2023 para poder adxudicar as obras en 2024 e que as novas vivendas sexan unha realidade en 2026.