Lugo | A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, clausurou a xornada “A forza das mulleres rurais” organizada en Lugo pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur). Lorenzana incidiu no papel das mulleres galegas do rural como “axentes de cambio” e instou ás administracións, empresas e sociedade a “sumar forzas” e evitar as desigualdades que lles afectan.
Neste foro, a conselleira anunciou que a Xunta está a traballar nun Estatuto da Muller Rural e do Mar que se incorporará proximamente á nova lei de igualdade de Galicia.
O Estatuto, no que a Xunta está a traballar “intensamente” para que vexa a luz canto antes, especificou Lorenzana, recoñecerá os dereitos destas mulleres con atención ás súas particularidades asociadas.
“É positivo e comprensible o seu desenvolvemento”, reflectiu a conselleira, quen incidiu na súa intervención na necesidade de valorizar á muller rural e de consolidar o seu movemento asociativo.
“Aínda hoxe non somos plenamente conscientes da débeda que temos coas mulleres rurais, axentes indispensables na supervivencia (nas épocas máis complexas) e o avance socioeconómico do noso territorio”, amosou Lorenzana, quen recalcou que “as mulleres rurais foron, son e serán auténticas axentes de cambio” e “son protagonistas por dereito, pero tamén polo incalculable mérito das súas achegas, no desenvolvemento socioeconómico do territorio”.
Lorenzana animou ao tecido asociativo, ás administracións e á poboación a sumarse á forza das mulleres rurais para “mellorar aspectos que a día de hoxe aínda seguen influíndo negativamente nas mulleres, implicando discriminación e desigualdade por razón de xénero”.
Remarcou algúns aspectos nos que incidir: eliminar a brecha de xénero, promover a corresponsabilidade e a conciliación, garantir a igualdade de oportunidades e de retribución, incentivar o liderado e a promoción profesional das mulleres, potenciar o emprendemento feminino, facer máis accesibles as novas tecnoloxías ou fortalecer o movemento asociativo de mulleres rurais.
Algúns indicadores evidencian que as mulleres rurais son impulsoras de avances económicos e sociais. Tal como enumerou a conselleira, Galicia conta cun sector primario que mellora a súa competitividade e as súas condicións de traballo. Á vez estanse a xerar sinerxías con outros sectores en auxe, como o sector servizos, que xa representa máis do 40% do PIB no ámbito rural.
Xornadas como esta, afirmou a titular de Emprego e Igualdade, “serven para visibilizar a resistencia e o vigor que as nosas aboas e nais, as nosas devanceiras, demostraron durante toda a vida para forxar un pasado, un presente e un futuro que hoxe desfrutamos e que debemos agradecer”.