Ourense | Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, supervisou esta mañá as obras de adaptación do salón de actos para sala de radio do CEIP O Couto nas que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación profesional investiu preto de 40.000€.
O delegado destacou que ao longo deste ano a Xunta está a desenvolver na provincia de Ourense 128 actuacións, pequenas obras, cun investimento de 2.848.163€, e están en proceso de execución 6 grandes obras (renovación da cuberta do CEIP Castrelo de Miño; renovación das carpinterías do IES Celanova; substitución dos cadros eléctricos do IES 12 Outubro, e ampliación do CIFP Vilamarín, o IES Blanco Amor e o IES Chamoso Lamas) que suman máis de 5,4M€; un total de máis de 8M€; “o que fala ás claras do compromiso do Goberno galego coa modernización do sistema educativo, a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, iniciado en 2021”.
Manuel Pardo subliñou tamén que o curso escolar 2024-2025 será o primeiro no que Galicia implante a “absoluta gratuidade” no ensino público “desde os inicios ata a universidade”; e subliñou outras novidades para este novo curso como o incremento récord do profesorado, a redución dos rateos nun 20%, a mellora da atención á diversidade ou o Plan MEGA, orientado a fomentar o éxito escolar do alumnado con medidas como a atención ás necesidades educativas especiais.
As obras
A intervención consistiu na demolición e retirada das luminarias e escenario existentes; a formación de tabique autoportante dobre de pladur ou similar; a instalación do falso teito en pladur con illamento de la de roca; o subministro e instalación de falso teito acústico EKLA ou similar e a reforma da instalación eléctrica para a nova sala de radio. Tamén se executou o subministro e a instalación de luminarias led regulable de 60×60 cm con equipo de regulación; a colocación de enchufes; a instalación de focos de 30w; a colocación de chan de tarima flotante con lamina antihumidade e rematouse co pintado de paredes.