A Xunta de Galicia recompila nunha guía o entroido en Galicia

Turismo de Galicia achega a programación das festas de interese turístico de Entroido

Santiago de Compostela | Tradicións e rituais, música, espectáculo, gastronomía, humor e moita festa percorren as catro provincias galegas durante un mes. A programación destas citas está recollida no ‘Entroido en Galicia’, a guía editada por Turismo de Galicia sobre as celebracións de carnaval que teñen a categoría de interese turístico na comunidade e que se pode consultar desde hoxe na súa web www.turismo.gal.

A variada programación que promove Turismo de Galicia apunta a dúas das liñas de traballo central da Xunta en materia turística recollidas na súa Estratexia de Turismo de Galicia 2030. Por unha banda, a aposta por diversificar a oferta de ocio na comunidade, cara propostas que inclúan unha valorización do patrimonio cultural, material e inmaterial, pero tamén da gastronomía e de zonas máis alonxadas dos grandes núcleos de visitantes. Pola outra, a posta en valor dos Entroidos como datas idóneas para coñecer Galicia quere avanzar na desestacionalización da oferta fora de tempada. Ademais, a programación do carnaval inclúe actividades para todo tipo de públicos, desde idades infantís a adultas.

Estas son unhas festas que van máis aló da propia semana do Entroido do sábado, 1 de marzo, ao mércores de Cinza, o día 5 de. Xa desde o 7 de febreiro comezaron nalgunhas das citas os festexos, que se prolongarán en varias localidades ata o domingo 9 de marzo. As celebracións manteñen o seu carácter ancestral, lúdico e tamén humorístico, na forma de máscaras, desfiles, concursos de disfraces e comparsas. A rapazada intégrase con actividades específicas, como desfiles e obradoiros, que permiten achegar as tradicións á xente nova para darlles así continuidade.

A isto engádese unha oferta gastronómica variada propia do entroido en Galicia, que ten como eixos centrais o cocido e os produtos derivados do porco xunto cos doces, como filloas ou orellas. Confórmase así unha proposta turística completa e orixinal, para todas aquelas persoas que queiran gozar do ocio e da comida sen renunciar á cultura.

O Entroido na provincia de Ourense
Con sete das once citas recollidas na programación, a meirande parte dos festexos concéntranse na provincia de Ourense. Xinzo de Limia, Verín, Viana do Bolo, Laza, Manzaneda, Maceda e Vilariño de Conso exhiben os seus protagonistas en pasarrúas, folións, charangas, embaixadas entre parroquias e fareladas.

As persoas que visiten estas localidades poderán coñecer de primeira man ás personaxes principais dos festexos. As pantallas de Xinzo, os cigarróns de Verín, os boteiros de Viana e Vilariño, os peliqueiros de Laza, as mázcaras de Manzaneda e os felos de Maceda están acompañados por mecos, lardeiros e lardeiras, raíñas e reis e Don Carnal. Ademais do tradicional cocido, distintas citas gastronómicas achegan a variedade dos produtos da zona, como son a festa da androlla, a do cabrito ou a do porco ao espeto.

Celebrando o entroido por todo o territorio
As festas de interese turístico de Galicia espállanse máis aló da provincia ourensá. Madamas e galanes efectúan as súas danzas en Cobres, Pontevedra, percorrendo durante os días grandes da celebración os distintos barrios. Na mesma provincia, en Marín, a oferta cultural inclúe unha noite de cantos de taberna, desfiles de comparsas e carrozas e concurso de filloas, entre outros.

Entre oito concellos das provincias de Pontevedra e A Coruña despréganse os Xenerais da Ulla e os seus Correos. Durante o día, estas figuras engalanadas percorren a cabalo distintas parroquias de Boqueixón, A Estrada, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces na compaña de abandeirados, coros e comparsas.

O Entroido na provincia de Lugo ten un dos seus grandes expoñentes en Foz, que ademais das comparsas e desfiles celebra o luns de carnaval o seu tradicional Baile do Farolillo.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.