Ribadavia | O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou esta mañá o “gran logro” da escola rural como “un modelo educativo de vangarda que é exemplo de cohesión social e capaz de xerar igualdade de oportunidades”. Así o salientou durante a inauguración do II Congreso Nacional de Escola Rural, que congrega en Ribadavia a 300 persoas e que conta coa participación dun total de 40 centros educativos de toda España.
O titular de Educación do Goberno galego, que estivo acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, destacou que Galicia “é un banco de probas” sobre a importancia e a evolución do modelo de ensino rural. Non en balde, a Comunidade, con 5% do territorio de toda España concentra o 50% das entidades singulares de poboación.
Así pois, deu a coñecer aos representantes doutras comunidades de España o modelo educativo galego, amosando o seu compromiso coa educación rural como “un elemento de cohesión e un punto clave para o desenvolvemento da poboación”.
Precisamente un dos maiores logros é que Galicia funciona “como un distrito único” a nivel educativo, o que na práctica se traduce nun sobreesforzo económico por parte da Administración para garantir o acceso á educación e a todos os programas educativos en igualdade de condicións para o coxunto dos cidadáns, independentemente de onde vivan.
E isto, lembrou o conselleiro, tradúcese tamén “nunha igualade de resultados académicos dos nosos alumnos, con independencia de que o centro onde estudan estea nunha aldea, nun pobo, nunha vila ou nunha cidade”, o que representa unha fortaleza de Galicia.
Reto demográfico
Con todo, Román Rodríguez recoñeceu o “estrés de xestión” que implica combinar a proximidade do servizo educativo coa merma do número de alumnos. Neste senso, apuntou que o desafío de futuro máis importante e inmediato sexa o reto de “adaptar o noso sistema educativo rural a unha demografía cada vez máis decrecente e escasa” e comprometeuse a seguir traballando arreo, da mán da comunidade educativa, para que o futuro das aulas “sexa o futuro de Galicia”.
Na súa intervención tamén se referiu ao esforzo e o “orgullo” que o profesorado do rural sente polos seus centros educativos con equipos “implicados en proxectos de innovación e seminarios, que traballan de forma coordinada e cooperativa” e que son “o piar dos bos resultados académicos” obtidos.
Os asistentes a esta cita de hoxe en Ribadavia, organizada pola Xunta en colaboración coa Fundación Princesa de Girona e a Asociación de Mestres de Colexios Rurais Agrupados de Galicia, poderán descubrir o funcionamento deste modelo galego a través da feira na que participan 15 centros de toda a Comunidade.
Trátase do Colexio CEIP Francisco López Estrada de Mañón, o Instituto IES Cabo Ortegal de Cariño, o Instituto IES Maximino Romero de Lema de Zas, o IES Pedra da Aguia de Camariñas, o Colexio CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela, o Colexio CEIP de Samos, o Colexio CPI Plurilingüe de Navia de Suarna, o Colexio CRA Plurilingüe de Monterrei en Verín, o Colexio CEIP Xoaquín Lourenzo Xocas de Bande, o Colexio CEIP A Lama, o Instituto IES Plurilingüe de Valga, o Colexio CEIP Plurilingüe de Tebra en Tomiño, o Colexio CEIP Plurilingüe Feliciano Barrera de Ponteareas, o Colexio CEIP Plurilingüe de Louro e o Colexio CEIP Plurilingüe de Toques.
“Esta e todas as actividades do Congreso son unha oportunidade para ampliar horizontes e seguir mellorando no modelo da educación rural”, puntualizou Román Rodríguez.
O Conselleiro concluiu animando aos presentes a seguir traballando no modelo da escola rural “do presente e do futuro, a que se debe construir sobre mimbres firmes que incluyan a inclusión, a equidade, a innovación e a calidade educativa”.
Debates, feira, obradoiros…
O programa, que inclúe conferencias, paneis, exposicion de proxectos educativos e a difusión de boas prácticas, comeza coa conferencia Patróns e compromiso coa escola rural a cargo da profesora da Universidade de Zaragoza Pilar Abós.
Ao longo da mañá, os participantes no Congreso Nacional da Escola Rural teñen a oportunidade de asistir á presentación Urbano vs rural. Galicia, distrito educativo único da man do secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila.
Tamén está programada a mesa redonda Presente e futuro da escola rural, elementos de sustentabilidade coa presenza da coordinadora do programa Generación Docentes da Fundación Princesa de Girona, María del Carmen Salcedo; a profesora da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña e vicedecana da mesma, Nuria Rebollo; o director xeral de Persoal, Formación e Innovación do Goberno de Aragón, José María Cabello; a secretaria xeral de Educación e Formación Profesional de Extremadura, María Pilar Pérez; o director xeral de Innovación e Ordenación Educativa da Rioxa, Fabián Martín, e o director xeral de Innovación e Formación do Profesorado de Castela e León, Luis Domingo González.
A xornada matinal remata cun panel de expertos sobre a escola rural en Galicia con directores de centros galegos de diferentes etapas e tipoloxías para achegar aos asistentes as metodoloxías, programas e desenvolvemento da escola rural en Galicia. Nel participarán docentes da Escola Infantil EEI de Donramiro de Lalín, do Colexio Rural Agrupado CRA Nosa Señora do Faro de Ponteceso, do Colexio CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela, do Colexio CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero e do Instituto IES O Ribeiro de Ribadavia.
A xornada continuará pola tarde con talleres e proxectos de boas prácticas e experiencias. Os asistentes ao congreso poderán coñecer obradoiros de espazos de centros e aprendizaxe, coidado do benestar, atención á diversidade, innovación e internacionalización, entre outros. Ademais, daranse a coñecer proxectos de aulas multigrado, de metodoloxías activas, inclusión, dixitalización, internacionalización e o Programa Xeración Docente, entre outros.