Monforte de Lemos | A directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª Carmen Martínez, participou hoxe na inauguración da sexta edición do Foro Territorios Patrimonio que se celebra ata mañá no Parador de Monforte de Lemos. Trátase dunha cita que este ano se centra na creación de sinerxías con outros territorios que conta tamén coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e da directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, nas mesas redondas.
Tal e como explicou a representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades na súa intervención, a Ribeira Sacra é un territorio “único no mundo” que destaca pola súa gran riqueza cultural e patrimonial. “Esta paisaxe é un dos rostros máis recoñecibles e admirables de Galicia cunha gran capacidade para conservar os seus valores excepcionais ao longo de máis de 1.500 anos de historia”, salientou.
Neste senso, en relación coa candidatura a Patrimonio da Humanidade, explicou que a Xunta de Galicia está aproveitando o aprazamento estratéxico para acreditar “con toda a forza e rigor” os valores excepcionais deste territorio.
Un turismo sustentable
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que participou na mesa redonda Como xerar sinerxías entre territorios, puxo en valor o traballo levado a cabo para que a imaxe turística de Galicia sexa unha imaxe baseada non soamente na excelencia, senón tamén na protección do patrimonio cultural e artístico, dando especial importancia ao coidado do medio ambiente e a preservación da biosfera, destacando a importancia do turismo sustentable.
“Desde a Xunta de Galicia traballamos para orientar a nosa Comunidade cara un desenvolvemento turístico que aproveite as súas fortalezas, achegado propostas turísticas adaptadas ás demandas dos viaxeiros actuais que buscan lugares abertos e non masificados, rodeados por natureza, paisaxes e deporte, mar e actividades náuticas, gastronomía e atractivos varios nunha oferta distinta, diferenciada e sostible”, indicou Nava Castro.
Protección da diversidade paisaxística
Pola súa banda, no marco da mesa redonda Paisaxes Patrimonio. Experiencias Patrimonio da Humanidade desde a perspectiva dos valores paisaxísticos e patrimoniais, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, incidiu na importancia de protexer a diversidade paisaxística dado que a contorna das persoas inflúe notablemente na súa vida cotiá. De feito, a paisaxe desempeña un papel fundamental no campo ambiental como cultural, ecolóxico, social e, sen dúbida, para un desenvolvemento económico sostible.
A maiores, Belén do Campo salientou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, como ente xestor da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra, ademais de mellorar a paisaxe desta contorna, seguirá a actuar na conservación e xestión da biodiversidade e dos recursos naturais e no apoio ao desenvolvemento dun turismo sostible, co obxectivo de acadar “unha verdadeira combinación entre o medio natural e o produtivo”. E logo de poñer como exemplo destas actuacións a guía de viaxe Árbores senlleiras na contorna da Ribeira Sacra, que propón un percorrido polos 18 exemplares e 2 formacións incluídos no Catálogo galego de árbores senlleiras, lembrou a relevancia do Monumento Natural Pregamento Xeolóxico de Campodola-Leixazós, no Concello de Quiroga, “unha formación xeolóxica de notoria singularidade, beleza e interese científico.”
A sexta edición do Foro Territorios Patrimonio celébrase ata mañá no Parador de Monforte de Lemos cun programa que inclúe faladoiros con expertos, visitas e actividades dirixidas tanto a profesionais da cultura e do turismo como ao público en xeral. O principal obxectivo da cita é axudar aos actores locais e aos sectores estratéxicos da zona a expoñer os seus retos de traballo e contribuír a xerar lazos de colaboración con outros territorios para atraer outros puntos de vista e establecer sinerxías de presente e futuro.