Sober | O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe no concello de Sober as instalacións da Fundación Belarmino Fernández á que agradeceu a súa contribución ao desenvolvemento económico, social e cultural de Galicia.
Na súa intervención, Conde destacou a aposta que a Fundación realiza pola formación, para brindar un futuro á mocidade galega e como factor de competitividade para o rural galego, e pola internacionalización a través do impulso da Marca Galicia.
O vicepresidente económico, que enxalzou a figura de Belarmino Fernández Iglesias (fundador da Fundación), explicou que a entidade conta co único centro formativo da Ribeira Sacra con adega propia e os últimos adiantos no campo da restauración, así como cun laboratorio e aula de catas.
Neste sentido, lembrou que Sober é un dos 20 municipios que conforman a Denominación de Orixe Ribeira Sacra, que abrangue unha superficie de 1250 hectáreas e conta con 2300 viticultores e 93 industrias que xeran un volume de actividade que ascende a 21,4M€.
Conde subliñou que a Xunta ten comprometido un investimento de 1,8 millóns de euros para consolidar esta contorna natural como destino turístico do Camiño de Inverno e para consolidar a candidatura a Patrimonio Mundial.