Viveiro (Lugo) | A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de licitar as obras de rehabilitación integral do Instituto de Educación Secundaria (IES) María Sarmiento de Viveiro, que contan cun orzamento de 842.800 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o centro para explicar os detalles da intervención á comunidade educativa. Destacou que o proxecto está enmarcado no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica Galega, que adopta unha nova perspectiva para “habilitar centros idóneos para a aprendizaxe e para a convivencia, aliados da saúde das persoas, apostando polos espazos amplos e por instalacións menos contaminantes”.
Ao respecto, sinalou que boa parte do investimento neste instituto está orientado a medidas de eficiencia enerxética, que conseguirán un aforro do consumo e das emisións contaminantes á atmosfera. Así, vaise instalar un novo illamento exterior tipo SATE nas fachadas e tamén illamento de lá de roca no forxado de baixocuberta. Substituiranse as carpinterías exteriores por outras de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, incluso as caixas de persiana existentes por un sistema con illamento incorporado. Tamén se cambiarán as luminarias por equipos LED con detectores de presenza nas zonas comúns. Por último, a caldeira de gasóleo vaise substituír por outra de biomasa.
“Os criterios medioambientais gañan peso e considerarase unha condición especial de execución da obra a compra de cando menos un 10% dos materias e subministros necesarios en establecementos de proximidade, realizada nun radio inferior a 200 qms”
Os criterios medioambientais gañan peso e considerarase unha condición especial de execución da obra a compra de cando menos un 10% dos materias e subministros necesarios en establecementos de proximidade, realizada nun radio inferior a 200 qms.
No que respecta ás reformas interiores, na planta do ático vanse reunificar os espazos para crear unha aula de maior dimensión e un pequeno almacén. Cambiaranse os falsos teitos por paneis rexistrables con illamento acústico de lá de roca nas aulas, e continuo de xeso en corredores e baños; mellorarase a ventilación na planta semisoto, e pintaranse estancias, portas e radiadores.
O prazo de execución das obras será de cinco meses, e as empresas interesadas en optar ao contrato teñen de prazo ata o día 28 de maio para presentar as súas ofertas.