Salceda de Caselas | O Goberno local de Salceda de Caselas expresou hoxe a súa indignación polo feito de que, os Orzamentos 2019 da Xunta de Galicia, “deixen fora proxectos importantes para o conxunto da cidadanía”. Ningunha das emendas presentadas polo grupo parlamentar de En Marea a petición de Movemento Salceda, foron tidas en conta para ser incluídas nas contas autonómicas para o vindeiro ano, o que deixará fora a realización de proxectos “de calado para o desenvolvemento do municipio e para a mellora da calidade de vida dos seus veciños e veciñas”, sinalou o alcalde, Marcos Besada.
Nas emendas presentadas por En Marea a petición Movemento Salceda de cara a ser recollidas nos Orzamentos da Xunta, incluíanse actuacións a realizar por Augas de Galicia, Consellería de Infraestruturas e o Consorcio Galego de Benestar.
Así, no que a Augas de Galicia atinxe, solicitábase a inclusión dos saneamentos de Entenza e Soutelo (2.110.384,67 €), Barroqueira-Carballal (89.394 €), Fraga (21.599 €), Coto- Picón (12.959 €), Coto-O Río (17.279 €) e Revolta (35.683 €).
No que fai referencia ás actuacións da Consellería de Infraestruturas, incluíase a urbanización do enlace da Gándara entre a PO-512 e Avenida de Galicia e a remodelación do enlace da PO-510 coa PO-411 na Laboela, que suporían un investimento de 500.000 euros en cada unha delas.
Finalmente, solicitábase ao Consorcio Galego de Benestar a escola infantil de catro unidades na rúa Mártires de Sobredo (690.252,41 €).
O alcalde de Salceda, Marcos Besada, lamentaba “o silencio do Partido Popular de Salceda que é incapaz de antepoñer os intereses comúns dos veciños e veciñas de Salceda aos seus propios interese partidistas”.