Lobios | A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, presidiu a inauguración do Ecomuseo do Pan do Xurés, na parroquia de Puxedo do concello ourensán de Lobios.
“O proxecto foi financiado por Agader no marco do programa Leader para a implementación de ferramentas tecnolóxicas cunha dotación de 30.000 euros”
O proxecto, que foi financiado por Agader no marco do programa Leader para a implementación de ferramentas tecnolóxicas cunha dotación de 30.000 euros, foi tamén galardoado co Premio Agader 2020 na categoría de proxectos culturais e de recuperación patrimonial no medio rural.
Na súa intervención, a directora quixo agradecer o traballo levado a cabo pola asociación de veciños de Puxedo na recuperación da historia do rural da zona e expresou o seu convencemento de que se trata dun paso imprescindible para seguir poñendo en valor o agro.
“Vivimos nun século XXI cada vez máis concienciado co medio ambiente e coa necesidade dun futuro verde e sostible”, apuntou a directora, que nos fai constatar que “a verdadeira calidade de vida é vivir e traballar en lugares como este”, salientou.
Na visita da directora de Agader, na que tamén estiveron presentes tanto a alcaldesa do concello de Lobios, María del Carmen Yáñez, como membros da xunta directora da asociación de veciños de Puxedo, realizaron un percorrido polo roteiro interpretativo do ciclo do pan. Ademais, a directora tivo a oportunidade de reunirse cos veciños da localidade para coñecer as súas demandas e necesidades.
“O proxecto nace co fin de recuperar e poñer en valor o ciclo tradicional do pan do Xurés mediante a creación dun ecomuseo e o emprego das novas tecnoloxías”
O proxecto nace co fin de recuperar e poñer en valor o ciclo tradicional do pan do Xurés mediante a creación dun ecomuseo e o emprego das novas tecnoloxías. Esta nova concepción pretende ser un centro museístico ao aire libre no que interactúan os elementos do patrimonio cultural, o territorio no que se asentan e a poboación local.