Ourense | Gabriel Alén, delegado da Xunta, visitou o CEIP Plurilingüe de Luíntra en Nogueira de Ramuín, un dos centros de nova incorporación que participará no programa de libro dixital E-Dixgal da Xunta de Galicia para o vindeiro curso, xunto co CEIP Plurilingüe Ramón Otero Pedrayo de Amoeiro, o CEIP Plurilingüe o Ruxidoiro de Barbadás, o CEIP San Marcos de Cartelle, o CPI Plurilingüe José García García en Ourense, o IES Lauro Olmo de o Barco de Valdeorras e o CPR Concepción Arenal de Ourense, que se incorpora en dúas etapas.
O delegado informou que amplían a súa participación a 3º e 4º da ESO na provincia os centros CPI Virxe dos Remedios de Castro Caldelas, o CPR Plurilingüe Santo Ángel de Ourense, o IES O Ribeiro de Ribadavia, o IES Cosme López Rodríguez de A Rúa e o IES Carlos Casares de Viana do Bolo.
“Serán en total 139 os colexios e institutos que se acollan a esta ampliación, o que suporá case duplicar o número de alumnos de ESO con E-Dixgal en Galicia”
A convocatoria deste ano incluía por primeira vez a posibilidade de ampliar o programa aos cursos de 3º e 4º de ESO (ata o momento está implantado en 5º e 6º de Primaria e en 1º e 2º de ESO). Serán en total 139 os colexios e institutos que se acollan a esta ampliación, o que suporá case duplicar o número de alumnos de ESO con E-Dixgal en Galicia. Esta mellora supón, ademais, que por primeira vez un alumno galego poderá estudar con libro dixital gratuíto durante seis cursos consecutivos.
Educación Dixital 2030
A ampliación do proxecto E-Dixgal é unha das liñas de acción da Estratexia Galega de Educación Dixital 2030, a folla de ruta coa que o Goberno galego vai impulsar a dixitalización do sistema educativo, e que inclúe medidas como a dotación de espazos maker e polos creativos nos centros, ou a implantación da Intelixencia Artificial no curriculum de todas as etapas educativas.
Así mesmo, enmárcase no Plan EDU100 (Plan de Infraestruturas Dixitais Educativas 2021-2023), coordinado pola Amtega, que supón un investimento 134,6M€ nos próximos tres anos. Ao seu abeiro o Consello da Xunta autorizou xa a adquisición de 45.000 ultraportátiles e equipos para 2.000 aulas, así como a compra de 55.000 equipos fixos e portátiles destinados a docentes.
“O Consello da Xunta autorizou xa a adquisición de 45.000 ultraportátiles e equipos para 2.000 aulas, así como a compra de 55.000 equipos fixos e portátiles destinados a docentes”
Tamén se deu luz verde á adquisición de 5.000 paneis interactivos para aulas de centros educativos, que cumprirán co obxectivo de que o 100% das aulas de centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade entre 1º de Primaria e 2º de Bacharelato sexan dixitais; capacidade de conexión de ata 1Gbps e wifi en todos os espazos docentes.