Lugo | A Consellería de Sanidade ultima a execución de obras de acondicionamento da fachada do centro médico da praza de Ferrol, en Lugo, nas que investiu 44.800 euros. A intervención comprende tarefas de limpeza e revisión xeral, mellora de revestimentos e pintado exterior.
Durante unha visita para comprobar a marcha dos traballos, o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, destacou que o Goberno galego abordará unha completa remodelación deste centro de saúde no marco do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que inclúe dúas actuacións máis na cidade: a construción dun novo ambulatorio no Sagrado Corazón e a reforma do da Milagrosa.
No tocante ao edificio da praza de Ferrol, Arias salientou que están previstas obras estruturais para mellorar fachadas e revestimentos, cubertas, terrazas e a instalación eléctrica; así como a substitución do ascensor e das caldeiras.
Tamén se propón unha reforma interna nas plantas primeira e cuarta co fin de readaptar espazos para uso asistencial. No primeiro andar redistribuiranse as zonas para mellorar os circuítos e a funcionalidade.
Así mesmo, Arias avanzou que unha vez posto en marcha o Centro Integral de Saúde (CIS) plantéxase concentrar na praza de Ferrol os programas de atención á muller na cidade de Lugo (COF, matronas, preparación ao parto e a unidade de detección precoz do cancro de mama); así como a posible ubicación do hospital de día psiquiátrico.
O delegado incidiu en que as obras servirán para mellorar a calidade asistencial neste centro médico, que atende a algo máis de 16.500 tarxetas sanitarias. O proxecto abordarase na terceira e última das fases nas que está dividido o Plan de Infraestruturas -Fase 2-, que está previsto iniciar na segunda metade da lexislatura.
O delegado remarcou o compromiso da Xunta coas infraestruturas sanitarias da cidade de Lugo, onde, ademais das novas obras programadas, tamén avanzan os traballos de construción do primeiro CIS de Galicia.
Por último, o delegado lembrou que as tres fases do novo Plan de Infraestruturas Sanitarias -fases 0, 1 e 2- atenden a criterios técnicos e asistenciais e a factores como a antigüidade dos edificios, o seu estado de conservación ou as carencias funcionais e operativas. A fase 0 comprende os proxectos xa en tramitación; e na fase 1 faranse actuacións consideradas máis urxentes por necesidades asistenciais, entre elas o novo centro do Sagrado Corazón e a reforma do da Milagrosa.