Folgoso do Courel | A Xunta puxo en servizo o novo acceso provisional a Folgoso do Courel, no que investiu 1 millón de euros, e avanzou que en setembro decidirá a solución definitiva para a reconstrución da LU-651.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, supervisou a apertura deste novo desvío da estrada LU-651, que constitúe o acceso provisional a este municipio, alternativo ao treito cortado da vía autonomica, onde se produciu un desprendemento.
Vázquez Mourelle subliñou a axilidade da Xunta na execución desta obra, tramitada a través dunha declaración de emerxencia. Sinalou que este acceso comezou a construírse o 24 de maio e en tan só dous meses quedou executado nun contorno moi complexo, aumentando incluso o orzamento previsto en máis de 117.000 €.
Agradeceu o traballo e a celeridade dos técnicos e da empresa, pois aínda que a data de apertura estaba fixada para hoxe, o avance nas obras permitiu xa que o novo acceso puidese ser empregado nos labores de extinción e de evacuación dos graves lumes nas pasadas semanas.
Trátase dun desvío da estrada LU-651 que parte do punto quilométrico 17+650, na contorna da área de descanso, e conecta novamente coa vía autonómica no 18+470, superada a zona do desprendemento.
Sinalou que a pesar de que se trata dun desvío provisional, esta nova vía ofrece unha gran funcionalidade e permitirá o acceso a Folgoso tanto a vehículos lixeiros como a camións e autobuses que agora mesmo teñen o paso restrinxido.
Destacou a garantía non só da conectividade aos veciños, senón tamén a achega dunha alternativa eficaz para os visitantes e para a actividade económica.
Detallou que nesta actuación de emerxencia tan só resta concluír os labores de sostemento dos noiros, de forma compatible coa circulación de vehículos.
E vía dálle resposta ao desprendemento ocorrido o 20 de marzo nun treito de 200 metros da estrada que constitúe o principal punto de acceso a Folgoso desde Quiroga e que quedou reducida nesa zona de Santa Eufemia a un gran socavón. A Xunta, desde o primeiro momento, analizou tanto as causas precisas do acontecido como o mellor xeito de achegar solucións para facilitar a mobilidade, primeiro de forma provisional.
Solución definitiva
A conselleira indicou que de xeito paralelo a Xunta traballa na solución definitiva para a reconstrución da LU-651, ao que se procederá cando estea concluído o estudo de alternativas que se vén realizando nos últimos meses.
Precisou que hai sobre a mesa diferentes opcións, desde a reconstrución da ladeira desprendida con recheos ata a execución dun túnel ou viaduto, pasando por unha vía cun trazado alternativo.
Adiantou que en setembro, cando o estudo de todos os factores estea concluído, tomarase unha decisión de forma coordinada co Concello e porase en marcha a solución definitiva ao derrubamento do acceso a Folgoso do Courel.
Ademais apuntou que unha vez rematado este acceso provisional a Folgoso, a Xunta reactivará a finais de agosto ou comezos de setembro a reforma da LU-651 entre Seoane e Ferrería Vella, que suporá un investimento da Xunta de case 3,5 M€.
Engadiu que tamén se continuará traballando, da man da alcaldesa, para acompañar e axudar aos veciños afectados polos lumes, a través das diferentes liñas activadas pola Xunta, pero, tamén, desde Augas de Galicia para repoñer as instalacións de abastecemento danadas.