Santiago de Compostela | “Emocionado pero feliz”. Así comunicou este 29 de abril Alberte Núñez Feijóo a súa dimisión como presidente da Xunta de Galicia tras trece anos no cargo. A dimisión foi presentada oficialmente ante o Parlamento de Galicia.
Por tanto, Feijóo pasa a dedicarse de pleno á presidencia do Partido Popular de España, cargo no que foi electo en marzo pasado durante a Convención Nacional celebrada en Sevilla.
Así, Feijóo termina cunha etapa de trece anos ao fronte da Xunta de Galicia, dando paso aos consecuentes mecanismos de sucesión institucional pola vía parlamentaria. Deste xeito, convértese no primeiro presidente autonómico en Galicia en dimitir durante o seu mandato.
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, convocou aos partidos políticos con representación parlamentaria (PPdeG, BNG e PSdeG-PSOE) a realizar as consultas pertinentes da sucesión institucional. Durante a próxima semana se anunciará o sucesor de Feijóo ao fronte da Xunta, destacando neste apartado o nome do vicepresidente Alfonso Rueda como o seu eventual sucesor.
Rueda xa presentou a súa candidatura oficial para presidir o PPdeG no Congreso a celebrarse en Pontevedra o vindeiro mes de maio, batendo récord de firmas recollidas. Coa dimisión de Feijóo se abre un novo período con Rueda como probable sucesor interino ata a convocatoria de eleccións autonómicas previstas para o 2024.
Tralos 15 anos de Manuel Fraga ao fronte da Xunta de Galicia (1990-2005), Feijóo converteuse no presidente con maior duración no Pazo de Raxoi con trece anos no poder (2009-2022). É tamén, xunto con Fraga, o único en alcanzar catro maiorías absolutas nas eleccións autonómicas galegas.