Chantada | Francisco Conde, vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación e Javier Arias, delegado da Xunta en Lugo visitaron en Chantada dous dos establecementos que se beneficiaron das axudas do Bono Enerxía Peme. A nova convocatoria xa está aberta e prevé mobilizar 6 millóns de euros.
Conde visitou A Faragulla, un local de restauración que o ano pasado recibiu unha axuda de 5.833,60 euros para cambiar o extractor da cociña, dúas viñotecas e dous frigoríficos, actuacións que lle están permitindo un aforro enerxético do 32 % con respecto ao consumo inicial.
O vicepresidente económico tamén estivo no Hotel Mogay, que mellorou a climatización de varias habitacións do establecemento grazas a unha axuda de 5.956,85 euros, o que lle suporá aforros enerxéticos do 67,5 % do consumo inicial nos meses de inverno.
O Bono Enerxía Peme, ao que se destinan 4,2 millóns de euros, case o dobre que o ano pasado, está dirixido ás pequenas e medianas empresas e autónomos galegos do sector do comercio, a hostalería e os servizos. Como novidade, apóiase o asesoramento enerxético. Estas axudas súmanse ás da mellora da envolvente a través de elementos de control solar, como toldos de cor branco ou negro; iluminación, coa renovación de equipos interiores ou exteriores por outros que utilicen tecnoloxía led; a eficiencia enerxética en instalacións eléctricas; equipamentos como a renovación de electrodomésticos ou aparellos por outros de cualificación enerxética B ou superior; climatización ou inmótica, para xestionar a enerxía e o gasto de xeito máis eficiente.
Os apoios contan cunha intensidade do 80 % ata un máximo de 6.000 euros por centro de traballo e os solicitantes poden acceder a un anticipo de ata o 50 % sen necesidade da presentación de avais. As axudas resolveranse por orde de solicitude e cubriranse actuacións que se executen entre o 1 de xaneiro e o 2 de outubro.
O obxectivo é beneficiar a 1.000 autónomos e pemes, con aforros de 860.000 euros ao ano na factura enerxética e a creación ou mantemento de preto de medio cento de empregos directos. Trátase da terceira edición desta convocatoria que, nas dúas anteriores, xa permitiu impulsar en Galicia preto de 1.500 actuacións cun investimento de 6,1 millóns de euros. O ano pasado, na provincia de Lugo concedéronse un total de 124 axudas por importe de preto de 550.000 euros.